...fun conspiranoico
A Coruña
Ola Mayte, que tal? Vaia semaniña, primeiro o exministro de interior Jorge Fernández Díaz co de que Benedicto XVI díxolle que Satán quere destruir España. Logo Miguel Bosé e Bunbury din que Bill Gates está usando o 5G para meternos nanobots e controlarnos a todos, ao que tamén se sumou o presidente da Universidade Católica de Murcia. Despois un cardenal di que están facendo vacunas con fetos. Isto é competencia desleal, ao pobre Iker Jiménez adiantáronlle por todos lados. Isto da nova paranormalidade vai rematar con el.
Imos por casos, primeiro o do exministro de interior, Jorge Fernández Díaz, que desvelou unha conversa que tivo hai uns anos co Papa Benedicto XVI, o Papa Ratzinger de Ferrol. Nesa conversa preguntoulle polo tema de Cataluña, e o Papa díxolle que o espíritu do mal, perdón, mellor dito, o diaño quería destruir España, pois por todo iso de evanxelizar América e esas cousas que fixo España pola Igrexa de Cristo. E claro, Díaz recurriu ao inimigo por antonomasia do diaño: Deus? Case, Piolín. Como olvidarse dese barco atracado no porto de Barcelona. Imaxino ao diaño chegando a Barcelona, vendo ese barco e pensando: "Nada, aquí xa se me adiantaron". O tema este de facer psicotécnicos para xente que se adica a política como o vedes? Dígoo por Fernández Díaz, por Trump ou por quen pensou que a campaña cos globos de #GaliciaÉVerde aí contaminando todo non era un contrasentido...
Por outra banda temos o de Miguel Bosé que, resumíndoo mal, viña sendo unha historia na que Bill Gates estaba detrás do Covid-19 porque así podía usar unha vacuna con nanobots para controlarnos mediante o 5G. Todo normal. Causa á que se sumou Enrique Bunbury, e na que agora encáixanme máis as súas letras, o de "He oído que la noche es toda magia y el duende te invita a soñar", e tanto que soñou, xa o véxoo actualizando: "Se o 5G che ilumina e os nanobots sirven de guía...". Hai unha especie de xustiza poética esta semana con iso de que Jarabe de Palo pasou a Bosé e a Bunbury en ouvintes en Spotify.
E por último (vou obviar o dos fetos nas vacunas) está o do presidente da Universidade Católica de Murcia, José Luis Mendoza, que facía unha mezcolanza destas dúas teorías, na que chegaba á conclusión perfecta: Bill Gates como esclavo de Satán, e a tirar millas. O que si, e igual sono un chisco academicista ou clasista ou imbécil, pero o de que un señor presidente dunha universidade diga esas cousas é que aos chips lles chame "chis" non sei se me dá moita confianza.
E lembrade, en inglés, "chips" son patacas, "chis" é queixo e "ches" non é queixo, que é xadrez".