Lires xa ten repetidor de televisión
O goberno local de Cee da por rematados os traballos que poñen fin á situación provisional na que se atopaba o repetidor de TDT de Lires. Un repetidor que funcionaba grazas á enerxía dun xerador a gasóleo alugado polo anterior goberno e que estaba supoñendo un gasto de 3500€ ao mes ao concello e un risco evidente no lugar debido ao mal estado no que se atopaba o propio xerador, rodeado de maleza e un uns postes de transmisión e recepción rodeados de arbores que tapaban tanto os paneis de transmisión como as antenas de transmisión.
A liña que subministraba con anterioridade a enerxía e que partía da piscifactoría de Lires cruzando a ría por vía aérea ata a beira do monte caeu a auga e o cable quedou somerxido obrigando a cortar o subministro,o anterior goberno buscou unha solución provisional alugando un xerador de gasóleo. Pero a solución prolongouse durante varios anos supoñendo un risco e un gasto importante gasto para o concello.
Para a realización do proxecto definitivo houbo que evitar varias localizacións como a praia ou o monte de Nemiña optándose finalmente por situar o repetidor nas inmediacións do cemiterio de Lires. Unha vez obtidos os permisos de Augas de Galicia, Costas do Estado, patrimonio e mesmo a autorización do Arzobispado para situar o armario de mando dos equipos a carón do muro do camposanto , iniciouse o proceso de licitación e adxudicación do proxecto.
Por último o COVID 19 volve retrasar a finalización da obra que finalmente o pasado 8 e xullo foi recibida pola alcaldesa Margot Lamela permitindo finalmente que os veciños de Lires podan ver a televisión sen cortes e sen que supoña un gasto incomprensible para o concello.