Ourense sede do Campionato de Europa de Seleccións de Hockey Sala Feminino
Este gran evento será do 21 ao 23 de xaneiro de 2022, participando as seleccións de Bélxica, Croacia, Irlanda, Lituania, Polonia, Escocia,Suíza e España
Ourense
A Federación Europea de Hockey ven de anunciar a designación das sedes dos Campionatos de Europa de Hockey Sala 2022, recibindo a federación Galega a mellor das noticias: a designación de Ourense como sede do Campionato de Europa de Seleccións Femininas, a celebrar do 21 ao 23 de xaneiro de 2022.
Non por esperada deixa de ser relevante a designación do Pazo dos Deportes como sede deste evento de máximo nivel, que traerá á cidade ás seleccións de Bélxica, Croacia, Irlanda, Lituania, Polonia, Escocia, Suíza e por suposto España como anfitrioa.
Esta candidatura foi presentada pola Federación Galega de Hockey dentro da súa planificación 2020-2022 en colaboración coa Deputación Provincial de Ourense e o apoio da Real Federación Española de Hockey. A proposta do Pazo dos Deportes como instalación de máximo nivel foi unha das claves da designación, así como o arraigamento do hockey sala na cidade.
Previamente, o Pazo dos Deportes albergará en febreiro do 2021 a Fase do Campionato de España masculino de clubs, magnifica oportunidade para demostrar e afinar as capacidades organizativas de fronte ao compromiso Europeo.