O Concello abre este xoves o prazo de inscrición na Universidade Popular
Oferta un total de 140 cursos e obradoiros
Ourense
O Concello de Ourense abrirá este xoves, 1 de outubro, o prazo de inscrición no programa de actividades formativas Universidade Popular 2020/2021. As persoas interesadas poderán optar aos 140 cursos e obradoiros que se ofertan presentando a súa solicitude ata o día 31 de outubro. Deberán cubrir un formulario, que se colgará na web da Concellería de Educación www.educacionourense.com, o xoves ás 09:00 h. Recibirán un documento de confirmación en formato PDF, co número de rexistro, data e hora en que se realizou. Cómpre solicitar a praza pronto, xa que un dos criterios de admisión é a orde de entrega da solicitude.
A programación completa e a información sobre as datas e horarios xa está dispoñible na mesma páxina web. A oferta estrutúrase en torno a 5 eixos: Idiomas (con 7 propostas diferentes), Novas tecnoloxías (con 12 actividades), Corpo, saúde e calidade de vida (41), Cultura, coñecemento, tempo libre e afeccións (19), Intervención social, formación para o emprego, actividades de tipo profesional (28) e Obradoiros de artesanía (33).