A Xunta licita a redacción do proxecto construtivo da nova depuradora de Cee e Corcubión
A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de licitar a redacción do proxecto construtivo da nova estación depuradora de augas residuais de Cee e Corcubión.
A Plataforma de contratos públicos de Galicia recolle a licitación destes traballos por un importe de máis de 347.000 euros. As empresas interesadas na redacción deste proxecto teñen de prazo ata o día 18 de febreiro para presentar as súas ofertas. O prazo de execución do contrato é de 12 meses.
Dada a necesidade existente de mellorar o sistema de saneamento de Cee e Corcubión, Augas de Galicia realizou unha análise de alternativas co obxecto de determinar a mellor ubicación para a execución da citada depuradora. O estudo, enmarcado nas actuacións proxectadas pola Xunta de Galicia para a mellora do sistema de saneamento nestes dous concellos da Costa da Morte, permitiu determinar no municipio de Cee o lugar para executar a nova estación depuradora de augas residuais de Cee e Corcubión.
Este contrato enmárcase no convenio de colaboración entre a entidade dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Augas de Galicia, e o Concello de Cee para impulsar a mellora do sistema de saneamento municipal nestes municipios. O convenio, aprobado polo Consello da Xunta o pasado día 9 de decembro, supón un investimento de preto de 370.000.
Segundo o citado convenio, a entidade hidráulica da Xunta entregará ao Concello o estudo de alternativas no que se determinan as parcelas onde se vai ubicar a estación depuradora, asumindo integramente a financiación e licitación do proxecto construtivo, que supón un investimento de máis de 347.000 euros, así como a súa supervisión e aprobación. A actuación conta coa cofinanciación da Unión Europea, a través do programa operativo do Fondo europeo de desenvolvemento rexional FEDER.