
Tres lucenses atopan traballo grazas ó proxecto Muramiñae Rehabilita
En seis meses, as tres brigadas de actuación interviron no Parque de Rosalía, na Fábrica da Luz e no Castiñeiro, entre outras zonas de Lugo

A alcaldesa na reunión telemática cos participantes no proxecto / Concello de Lugo
A primeira fase do Plan Muramiñae Rehabilita remata coa insercción laboral de tres dos seus integrantes. O proxecto nacía no pasado verán de 2020 co obxectivo de facilitar a empregabilidade dos lucenses en risco de exclusión ofertando unha formación proveitosa que lles facilitase a entrada ó mercado laboral.
Durante seis meses, os participantes realizaron traballos naqueles puntos da cidade solicitados pola propia veciñanza. Lugares coma o Parque Rosalía de Castro, desmontando, lixando, lavando, pintando e montando máis dun centenar de bancos. No paseo do Miño e a leira análoga do Pazo de Feiras, levaron a cabo traballos de limpeza de bancos de pedra, limpeza do muro lonxitudinal ao paseo ao longo do río, varrido de follas, arranxo dos carreiros de xabre... Tamén actuaron na beira da antiga Fábrica da Luz e procedeuse á instalación do valado de madeira nos ocos existentes entre o muro ao longo do río, entre outras.
Dende o goberno municipal celebran a "formación e capacitación de 27 persoas, 24 delas pertencentes a colectivos vulnerables, ao tempo que levaron a cabo, obras de mellora nos barrios da cidade que integran a zona DUSI".
A alcaldesa, Lara Méndez, amósase ben leda pola implicación dos participantes así coma polo resultado. Así llo transmitíu na reunión telemática desta fin de semana: "Quero agradecervos a vosa implicación e o voso esforzo para que esta primeira edición resultase un éxito. O obxectivo agora é que toda esa aprendizaxe e experiencia que acumulastes nos últimos meses vos sirva para atopar unha oportunidade laboral".
Destes 27 participantes, tres xa atoparon o seu oco en empresas de Lugo, pola súa banda, o resto comezará unha segunda fase de asesoramento, a través da cal o servizo de Orientación Laboral do Concello prestaralles axuda para atopar un posto de traballo.
DUSI Muramiñae
O Muramiñae Rehabilita, que incluíu un plan de emprego e unha campaña de participación cidadá, está integrado no programa Dusi Muramiñae, unha estratexia financiada polo Concello de Lugo ao 20% e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea ao 80%.
O obxectivo desta estratexia é unir á cidade e o río a través da zona do Carmen, eliminando a descontinuidade urbana que existe entre Porta Miñá e o río Miño, aproveitando que pola zona discorre o Camiño de Santiago, e integrar o contorno fluvial na trama urbana, conseguindo unha cidade máis verde, sostible e amable.
