Residentes en Carnota, vacinados en Santiago
Débense trasladar á capital para ser inmunizados. O custo da viaxe e as condicións da espera enfadan aos veciños
A ledicia coa que a poboación recibe a cita para ser vacinada non é completa en Carnota. O Sergas cita na Cidade da Cultura aos veciños deste concello, unha viaxe que está a provocar protestas debido ao custe e as condicións existentes no Gaiás. Carnota pertence á área sanitaria santiaguesa e inda que moito máis cerca está o punto de vacinación de Cee, éste está integrado na área sanitaria da Coruña e non pode ser utilizada polos carnotáns.
O proceso de vacinación está comenzando polos sectores de poboación de maior idade, nos que moitos dos beneficiados da vacina carecen de vehículo propio para completar os 150 quilómetros ata Santiago. Iso ocasiona que moitos deles opten por facer a viaxe en taxi, o que segundo o alcalde Juan Manuel Saborido "Moma" ten un custe duns 100 euros. "Moitos son pensionistas, con pensións baixas. Ademáis hai casos onde a un matrimonio danlle citas en días distintos a cada un deles. Así teñen que facer dúas viaxes e dobrar o gasto" engade o rexedor. En Carnota prestan servizo na actualidade dous taxis, o que está levando a eses profesionais a solicitar axuda de compañeiros doutros concellos porque non son capaces de satisfacer a demanda. Ademáis o do custe non é o único problema. "Algúns dos que van a recibir a vacina van con medo a ter unha reacción con 80 quilómetros por conducir para voltar a casa" explica o alcalde.
Nas últimas horas moitos usuarios teñen amosado o seu descontento co que se está vivir na Cidade da Cultura. Longas esperas de pé para persoas maiores ou a falta de espazos para protexerse do vento e da choiva son exemplos que destacan algúns dos que nos últimos días xa pasaron pola experiencia.