Manuel Antelo dimite do seu cargo de concelleiro
O ex-acalde e actual portavoz de Adiante Vimianzo acaba de rexistrar no concello a renuncia.

Manuel Antelo / Adiante Vimianzo

O ex-alcalde e actual portavoz de Adiante Vimianzo Manuel Antelo acaba de rexistrar no concello a renuncia do seu cargo de concelleiro.
Segundo di no escrito de renuncia “Os cargos institucionais non teñen que ser vitalicios, e a política non é unha profesión, senón un servizo á cidadanía”.
Con eta decisión Antelo Busca promover a renovación de persoas para dar continuidade e ao tempo novos impulsos ao proxecto político. Cosidera que a vida é unha sucesión de ciclos que se abren e pechan nas distintas esferas que configuran as actividades das persoas. No mesmo escrito indica a súa intención de continuar participando na política, pero dende outros ámbitos, traballando, coma fixo sempre, para que o nacionalismo retorne novamente a gobernar Vimianzo. Tamén manifesta o seu orgullo e agradecemento aos compañeiros e compañeiras e veciñanza pola oportunidade que lle outorgaron para representalos como concelleiro e como alcalde.
Manuel Antelo entrou na Corporación de Vimianzo en 1999, e resultou elixido alcalde en dúas ocasións, en 2011 e 2015. “Traballamos honesta e honradamente a favor da veciñanza de Vimianzo, transformando positivamente o noso concello en moitas facetas, e converténdoo nun referente en moitas cousas”.
Antelo indica que o seu papel agora é apoiar a renovación, achegando a súa experiencia e coñecemento noutros ámbitos da política e engade “A miña achega política, agora mesmo, ten máis forza dende fóra que dende dentro do concello”.
O ex-acalde quere deixar claro con esta decisión que o importante é o interese común e público, fronte ao particular. “Sempre entendín a Alcaldía ao servizo dos intereses comúns e públicos, ao servizo do pobo de Vimianzo”.
Dende Adiante Vimianzo, os seus compañeiros e Comapeiras agradecen o traballo e o compromiso demostrado ao longo de todos os anos que leva Manuel Antelo na primeira liña da política municipal. Respectan a súa decisión persoal, sabendo que non é un paso atrás, senón un cambio de posición desde o que seguir loitando e traballando por Vimianzo e polo nacionalismo galego.




