Marea de Vigo califica de "solemne chapuza" a xestión dos aparcadoiros de Vigo
Marea de Vigo sigue sen entender porque os parcadoiros de Rosalía de Castro, Jenaro de la Fuente e Av. Castelalo non poden ser explotados directamente dende o Concello

Interior del aparcamiento / Parking Rosalía de Castro

Vigo
Marea de Vigo que sigue apostando pola xestión pública directa dos tres aparcadoiros, considera que, en palabras de Rubén Pérez, “nunca foi suficientemente aclarado o cálculo económico da construción e xestión dos tres, nun cúmulo de intereses ocultos e cunha máis que discutible decisión de construción privada amortizable coa explotación do servizo que aprobou no seu día no Pleno o Goberno do PP uns días antes das eleccións municipais de 2007”. “Todo un exemplo de présa interesada aínda por motivar suficientemente á cidadanía viguesa”, engade o voceiro do grupo Municipal.
Agora, o Goberno local vén de autorizar unha modificación de crédito para darlle ao administrador concursal da concesionaria un total de 8.310.863 (contando xuros) para liquidar definitivamente o contrato xa inoperativo, “o que non significa que a reclamación da antiga concesionaria, de máis de 17 millóns, quede compensada e que non se produza unha demanda xudicial”.
Marea de Vigo sigue sen entender porque estes tres aparcadoiros non poden ser explotados directamente dende o Concello, “evitando de novo a presenza de empresas de servizos e permitindo ademais establecer bonificacións máis sociais nos prezos que eviten os actuais bonos que son prohibitivos para unha parte substancial da cidadanía que depende do vehículo particular para traballo e xestións administrativas” matiza Rubén Pérez.
Marea de Vigo lamenta ademáis que os 8 millóns de euros saian de novo do remanente líquido de tesourería dispoñible. “Especialmente agora que o Goberno central libera o seu uso para medidas de promoción económica, social, cultural e de complemento de servizos públicos, Vigo ten que empregar millóns de euros en satisfacer sentenzas xudiciais de todo tipo por decisións desastrosas en materia de contratación pública de gobernos anteriores e do actual e que xa na altura de tomalas, contaban con moitas voces críticas” conclúe o voceiro municipal.




