Marea de Vigo pide un control urxente das concesionarias municipais
Alerta da falta de cobertura dos postos de traballo durante as baixas e as vacacións do persoal

Rueda de prensa de los concejales de Marea de Vigo / Marea de Vigo

Vigo
O Grupo municipal da Marea de Vigo, tras ter constatado o que está sucedendo en varias destas empresas, denuncia esta práctica por ser “absolutamente contraria ao prego concesional”, debendo, segundo Rubén Pérez, “ter como consecuencia a apertura dun expediente á empresa que ostenta a concesión e mesmo acarrear sancións económicas e, dependendo da gravidade, incluso a contar cunha proposta de resolución do contrato e a expulsión da empresa da concesión pública”.
Marea de Vigo considera que os pregos son claros en canto aos niveis mínimos de servizo e cadro de personal. “É evidente que esta práctica de non cubrir incapacidades temporais e vacacións con contratacións vén practicandose reiteradamente dende hai anos sen obter unha resposta por parte da administración local que debería velar polo escrupuloso cumprimento dos pregos, sen baixadas do servizo nos meses de verán” lamenta o voceiro. As sucesivas denuncias de representantes dos traballadores e traballadoras de servizos como parques e xardíns ou máis recentemente limpeza de dependencias municipais, “non teñen resposta proactiva dos concelleiros e concelleiras con responsabilidade nestas áreas e moito menos da Xunta de Goberno Local” recalca Pérez.
Marea de Vigo considera “inexistente” o seguimento da situación laboral e do cumprimento da lexislación laboral por parte do Concello nas empresas que xestionan contratos públicos e lembra que “existe unha responsabilidade directa do Concello en que en determinados servizos aparezan situacións de precaridade laboral, flexibilidade arbitraria e mesmo incumprimentos graves dos convenios colectivos. Precísase avanzar en cláusulas de protección laboral nos pregos de contratación e licitación do Concello de Vigo incorporando cláusulas sociais” matiza o voceiro.




