Carlos Núñez actuará en Nigrán en agosto
As entradas para este evento ao aire libre están á venda xa a través de ATAQUILLA cun custe de 20 euros
Vigo
O Concello de Nigrán ofrecerá novamente dentro da súa programación especial de verán o concerto estelar de Carlos Núñez o 7 de agosto no miradoiro de Monteferro como parte da xira conmemorativa do 25 aniversario de ‘A irmandade das estrelas’. O gaiteiro internacional, que debutou o ano pasado neste marabilloso escenario natural esgotando as entradas en sendas citas de ‘Lugares Máxicos’, ofrece nesta ocasión un concerto baseado no seu primeiro disco (que Sony Music reeditará en vinilo e sae á venda o 2 de xullo). A cita será ás 20:30 horas para fusionar novamente música e natureza co espectacular solpor deste balcón cara ao Atlántico. As entradas están xa á venda a través de ATAQUILLA cun custe de 20 euros + gastos de xestión, sendo un aforo reducido por mor das circunstancias sanitarias.
"Carlos Núñez e o miradoiro de Monteferro forman unha simbiose insuperable, así o demostrou o ano pasado. Agora xuntamos novamente ao mellor gaiteiro do mundo no que consideramos o mellor escenario do mundo para conmemorar un disco que mudou a Historia da nosa música; é unha honra e un orgullo para Nigrán ", incide o alcalde, Juan González.
“O concerto de Monteferro foi a sorpresa do verán pasado para todos nós. Os artistas e o público sentimos dende a primeira nota que estabamos a vivir unha experiencia única. Como unha peregrinación musical a un paraíso frente ao mar, na que fixemos amig@s que viñan de todas partes. E como unha gran familia, prometimos facer tradición e reencontrarnos un ano despois.
Novamente, co obxectivo de respectar ao máximo á singularidade deste espazo natural e de facelo coa mínima intervención, só se reservarán cadeiras para persoas con problemas de mobilidade, xa que o obxectivo é gozar da música sentados no propio chan, nun ambiente íntimo e en comunión coa contorna.