Unha aplicación para percorrer A Coruña con Emilia Pardo Bazán
O obxectivo é achegar o percorrido á xente nova (turistas ou non) dunha forma diferente á habitual
A Coruña
Pouco ou nada ten que ver a A Coruña de 2021 coa de hai un século. Na praza de María Pita xa se levantaba o Palacio Municipal, con todo os arredores eran en boa medida un solar baleiro. Emilia Pardo Bazán non podería percorrer os soportais da incónica praza porque aínda non existían. Desde esta semana poderá facelos de forma dixital e en tres dimensións.
Esta mañá o Concello presentou 'A Coruña de Emilia Pardo Bazán', unha app desenvolvida pola empresa Xoia. Esta app permitiranos facer un percorrido pola cidade para descubrir eses lugares de Emilia Pardo Bazán a través do relato que fará a propia escritora, nunha versión dixital en realidade aumentada.
Será, por tanto, a propia escritora, de forma virtual, quen "irá contando os distintos espazos nos que ela desenvolveu a súa propia vida e a súa produción literaria, desde a Praza de Tabacos á Praza de María Pita, pasando por Cálea Tabernas ou os Xardíns Méndez Núñez, espazos emblemáticos da cidade a través dos cales coñeceremos esa marineda que ela relatou e viviu para coñecer os detalles da nosa historia como cidade e como país", detallou Inés Rey.
Xoel Vázquez, da empresa desenvolve Xoia, explicou durante a presentación da app esta mañá na propia praza que o obxectivo é achegar o percorrido á xente nova (turistas ou non) dunha forma diferente á habitual.
Explicou que se utiliza a tecnoloxía de realidade aumentada "para cambiar o paradigma de como contamos a historia". Segundo dixo o creador da ' app', "agora no canto de imaxinar o que nos pode contar un guía, imos poder velo".
A aplicación utiliza un roteiro GPS que marca os sitios para visitar. Cando o usuario chegue ao lugar e utilice a aplicación, aparecerá a propia Emilia Pardo Bazán a tamaño real e explicará da súa propia voz a súa relación coa cidade "para poder ver e mergullarnos na historia coma se estivésemos nunha aventura", afirmou o creador.
Para Vázquez, esta é "unha maneira nova de trasladar a historia de forma inmersiva e interactiva, que permite achegarnos aos mozos de forma adaptada á súa maneira de vivir o mundo". A aplicación poderase descargar a partir deste martes buscando 'A Coruña de Emilia Pardo Bazán'.