Camariñas inviste fillo predilecto a Xosé Luis Blanco Campaña
O pleno celebrouse no recinto da Mostra do Encaixe por primeira vez na historia
Camariñas
O Concello de Camariñas investiu esta tarde como fillo predilecto do municipio a Xosé Luis Blanco Campaña, tras celebrar un Pleno extraordinario previo á inauguración da XXX edición da Mostra do Encaixe de Camariñas.
A sesión, que se levou a cabo na pasarela do recinto da Mostra por primeira vez na historia, tivo este único punto. Aprovouse cos votos a favor do PSOE e dous concelleiros do PP, abstivéronse outros dous concelleiros do PP e votou en contra o BNG.
Xosé Luis Blanco Campaña, desde hoxe camariñán de honra, é titulado pola Escola Oficial de Xornalismo de Barcelona, e licenciado pola Facultat de Ciencias de la Comunicació de la Universidad Atónoma de Bellaterra, Barcelona. Iniciou a súa andaina profesional en EAJ-1 Radio Barcelona, onde pasou sete anos.
Deixou a emisora da Cadena SER para traballar como produtor o programa “Protagonistas” de Luis del Olmo. Outras emisoras nas que emprestou os seus servizos foron Radio Peninsular e Radio Nacional de Barcelona, Radio Sáhara de El Aaiún (durante o servizo militar en África) e Radio Nacional na Coruña e Santiago. En 1985 fundou a Radio Galega e colaborou na posta en marcha da TVG, na que presentou programas populares.
É autor de varios libros, entre eles ‘Prensa e radio na Galicia exterior’, ‘Camariñas, terra de palilleiras’, ‘Cento catorce cancións galegas’ e ‘Historia de radio en Galicia’. Tamén é autor de máis de cen cancións en galego, así como de numerosos pregóns e conferencias. Foi presidente da Asociación da Prensa da Coruña.
“Estou orgulloso de ser de quen son e de onde son e por iso ara min é a máis alta honra poder ser fillo predilecto da miña terra, onde nacín e me criei, e máis poder facelo previo ao triséximo aniversario da Mostra do Encaixe, un evento que nos define como sociedade e que é un espello a nivel internacional”, destacou Xosé Luis, que neste día tan especial estivo rodeado de múltiples amigos, amigas e personalidades do mundo da comunicación e da cultura.
Pola súa banda, Sandra Insua, alcaldesa de Camariñas, quixo “agradecer a incansable labor de Xosé Luis durante a súa extensa e frutuosa carreira, por levar a Camariñas no corazón pero, sobre todo, por divulgar o que somos dunha maneira xenuína e intransferible”, rematou.