Política
Diputación Provincial Pontevedra

Recuperar os centros urbanos para as persoas para crear cidades máis eficentes

O urbanista Jeff Speck participou hoxe na Facultade Ágora para defender as "cidades camiñables" e evitar "os grandes erros" cometidos nos Estados Unidos coas cidades dispersas que precisan para todo os automóbiles

Jeff Spek / Deputación Pontevedra

Vigo

As vilas e cidades que recuperan o seu espazo público para as persoas son “máis eficientes” e xeran “dinámicas ascendentes” que se retroalimentan: canto máis atractivas son para vivir, máis poboación incorporan, máis melloran economicamente, son máis interesantes para os investimentos e ademais funcionan de maneira máis cohesionada e con maior inclusión social.

Esa foi unha das principais conclusións do noveno seminario da Facultade Ágora sobre o espazo público, que hoxe levou o título de ‘Localidades atractivas’, e que fixo unha clara defensa dos cambios que se producen na vida da cidadanía cando se aposta por estratexias de vilas compactas, complexas e nas que se busca a calidade urbana e unha vida “visible” nas rúas e prazas.

“En que cidades queremos vivir?” foi unha das preguntas que se puxeron sobre a mesa e o punto de partida para as intervencións do técnico estadounidense Jeff Speck, o catedrático en Economía José Luis García Delgado, e o enxeñeiro Jesús Gómez Viñas, que coincidiron ao asegurar que o deseño urbano condiciona de maneira drástica o desenvolvemento da economía e a sociedade.

Jeff Speck, o recoñecido urbanista autor do libro ‘Walkable cities’, dirixiuse ás persoas asistentes á Facultade Ágora dende Boston na que foi a súa primeira intervención en exclusiva para España. Subliñou que as cidades europeas teñen moitos pasos gañados ás cidades americanas pola súa concepción urbana e puxo sobre a mesa exemplos do que non se debe facer, que resumiu no concepto das cidades dispersas que precisan do automóbil para todo.

Speck, ante unha fotografía na que se vían persoas entrando nun ximnasio subidas a unha escaleira mecánica, apuntou que é preciso que a cidadanía volva dar sentido a camiñar, tanto por cuestións de saúde, de ecoloxía e de economía. Indicou que nos USA a cultura do motor está a decrecer e, en termos de liderado, comezando a darse conta de que é preciso darlle a volta ao modelo e apostar pola camiñabilidade.

En canto ás localidades atractivas, Speck destacou que as cidades que máis invisten en recuperar os seus centros e espazos urbanos son “as que conseguen maior eficiencia”. Indicou que “se as cidades se deseñan arredor dos coches o resultado será que acabarán chocando uns cos outros”, algo que en EE UU provoca ademais que “o soño americano torne en pesadelos, porque as clases máis desfavorecidas destinan o 40% da súa renda ao transporte”.

En canto á mellora na economía grazas á aposta por cidades ‘vivibles’ e recuperadas para as persoas, Speck relatou que os centros comerciais que os Estados Unidos exportaron dende hai décadas a outros países, agora mesmo -incluso antes da COVID- están morrendo e na bancarrota mentres que o comercio local está a despuntar. O motivo, segundo explicou, é que os modos de compra están a mudar: a xente que merca por prezo faino en liña a través de internet e a que compra pola experiencia busca espazos atractivos para facelo.

“O pasatempo número un dos americanos é ir de compras (...) e queren estar nun ambiente que resulte emocionante, que resulte auténtico, que estea cheo de vida, e non parece ser tan interesante hoxendía esa experiencia artificial dun centro comercial. Compran por pracer e están máis interesados na vida, na variedade e na autenticidade dunha rúa de compras no centro. O comercio de venda polo miúdo, incluso despois da COVID, está a volver ás nosas rúas principais de forma eficaz, mentres que os centros comerciais están en declive”, insistiu.

O catedrático García Delgado explicou na Facultade Ágora que o espazo público de calidade é chave, xunto á vivenda, para atraer poboación ou expulsala dunha localidade. Segundo o economista, cando se dan pasos para a mellora dos espazos creando localidades atractivas prodúcese unha dinámica ascendente xeneralizada: a calidade urbana atrae a persoas mellor formadas, o capital humano alto atrae investimentos, e estes e as persoas profesionais atraen a localización de sectores de alta tecnoloxía. “Canto mellor calidade do espazo público, mellor calidade da cidade, máis atracción de persoal moi cualificado e máis acumulación de capital humano que atrae sectores máis puxantes, máis produtivos, con densidades tecnolóxicas maiores”, salientou.

Pola súa parte, o enxeñeiro pontevedrés Jesús Gómez Viñas, responsable técnico da reforma urbana en Pontevedra, relatou que o goberno local da cidade do Lérez tiña o obxectivo de mellorar a calidade urbana e a vida da cidadanía cando chegou á Alcaldía en 1999 e implicou a todos os departamentos municipais e a todas e todos os funcionarios: non só á equipa de enxeñería urbana, senón tamén á parte xurídica, á Policía Local, ao servizo de Cultura, Deportes, e Festas que organizan eventos na rúa, e a todos e cada un dos servizos. Dende entón o municipio de Pontevedra sumou poboación, conta cunha das maiores proporcións de xente moza de Galiza, ten un goberno local que resiste mellor que noutros puntos fronte ao comercio electrónico e está considerada unha das cidades exemplo de modelo urbano en todo o mundo.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00