Martes, 07 de Diciembre de 2021

Otras localidades

Zaida Muxí: "aplicar a perspectiva de xénero no urbanismo non é algo de mulleres"

A Facultade Ágora centrou o seu seminario na 'Inclusión social' coa conclusión de que os deseños urbanos deben asumir sempre a perspectiva das persoas máis vulnerables e con menos recursos

Zaida Muxí: "aplicar a perspectiva de xénero no urbanismo non é algo de mulleres, ten que ver coas persoas que coidan e con visibilizar a diversidade"

Zaida Muxí: "aplicar a perspectiva de xénero no urbanismo non é algo de mulleres, ten que ver coas persoas que coidan e con visibilizar a diversidade" / Deputación de Pontevedra

A Facultade Ágora, a iniciativa formativa da Deputación para representantes políticas e técnicas dos concellos da provincia, abordou hoxe a ‘Inclusión Social' no espazo público chegando á conclusión de que no deseño urbano sempre se debe asumir a perspectiva das persoas máis vulnerables e con menos recursos.

As persoas especialistas que participaron no seminario, a urbanista Zaida Muxí, o xeógrafo Màrius Navazo e os representantes de Cogami Anxo Queiruga e Paulo Fontán, coincidiron en que é preciso pensar as cidades de maneira global para que todo o mundo se atope cómodo en todos os seus espazos.

A doutora Zaida Muxí foi a primeira en falar na xornada. Admitiu que o urbanismo non é neutral nin universal "posto que ignora a diversidade" e subliñou que é preciso traballar na mellora da accesibilidade e a inclusión, pero tendo en conta a vida cotiá -os espazos de encontro, de xogo, da vida...- e non só unicamente os espazos excepcionais onde hai monumentos, como acontece en moitas cidades.

Coñecida polo enfoque de xénero que dá ao urbanismo, Muxí subliñou que as cidades están feitas dende unha experiencia excluínte, a do xénero masculino, focalizadas na produción, o traballo produtivo de persoas 100% hábiles "que non se enteran de como se soluciona a vida cotiá porque chegan a casa e hai comida e está a roupa limpa".

Explicou Muxí que a mirada das mulleres, tradicionalmente nos roles de coidadoras, é diferente á masculina, pero subliñou tamén que aplicar a perspectiva de xénero non é algo ‘de mulleres', senón que ten que ver coas persoas que coidan e con visibilizar toda a diversidade e incluíla con empatía. "Non é só falar de mulleres", insistiu.

Anxo Queiruga seguiu na liña de afirmar que a inclusión social é unha cuestión de empatía. Lembrou que a pandemia amosou a fraxilidade de todas e todas e instou a reflexionar sobre as persoas vulnerables que non poden saír da casa ao longo da súa vida polos problemas de deseño urbano. Insistiu en que a accesibilidade "vai en beneficio da sociedade en xeral, da inclusión, da normalización" e instou a ter en conta o coñecemento e capacidade das persoas con diversidade á hora de tomar decisións. Paulo Fontán, pola súa banda, fixo un chamamento a responsables técnicos e políticos para preguntar como abordar melloras urbanas ás persoas que máis dificultades teñen para a vida no espazo público.

Finalmente, Màrius Navazo afondou na idea de que a reflexión sobre a inclusión social o que debe é poñer sobre a mesa o papel dos coches nas vilas e cidades. Asegurou que as administracións "non deben cumprir coa accesibilidade só nas migallas que deixa o coche, senón todo o contrario, aproveitar a reflexión da inclusión social para reclamar o pan enteiro –todo o espazo público- para as persoas".

Para pechar o seminario, o deputado Uxío Benítez insistiu en que a Facultade Ágora vén desde o inicio cuestionando permanentemente o papel do coche na sociedade. Subliñou que as cidades foron pensadas no século XX para o coche por un perfil minoritario "de home varón con vehículo a motor" e insistiu que "no século XIX é o momento de darlle a volta e crear espazos para as persoas (...) porque o espazo público é o único realmente democrático porque é de todos e todas".

Zaida Muxí: As mulleres como coidadoras e o corpo sexuado

A experiencia das mulleres ás que se asignaron as tarefas de coidados non está presente nos proxectos de cidade e considéranse cousas menores "que xa se resolverán de algunha maneira". Así de contundente foi na súa intervención a arquitecta Zaida Muxí, quen subliñou que a zonificación de espazos das cidades resultante da visión masculina dificulta as tarefas cotiás para os roles de xénero tradicionalmente femininos.

Outra cuestión que diferencia ás mulleres no espazo público, destacou Muxí, é o "corpo sexuado". Subliñou que a iluminación é un elemento imprescindible para unha percepción de seguridade por parte das mulleres e apuntou que non debe ser excesiva nin de grandes contrastes, senón homoxénea. Instou tamén a deseñar espazos cos menos recunchos posibles, onde se fomente a actividade e os camiños e itinerarios estean ben sinalizados para poder situarse. "Unha das condicións para sentirse segura é a luz, pero vai sumada a outras cuestións. Todo depende de como unha muller controla o espazo para sentirse segura", dixo.

Muxí abogou por cidades naturalizadas, próximas, nas que a maioría dos desprazamentos cotiás se fagan a pé, seguras para as persoas de todas as idades e que permitan autonomía, liberdade, e relacións sociais libres no espazo público. "As dúas cousas fundamentais son poñer a vida das persoas no centro e tamén da natureza, que agora mesmo está expulsada das cidades", dixo.

Marius Navazo: Plataformas únicas e rúas como as versións de Windows

O xeógrafo Marius Navazo centrou a súa intervención na Facultade nas plataformas únicas -rúas ao mesmo nivel onde non hai distinción entre calzada e beirarrúa e normalmente de preferencia peonil- como ferramentas de deseño que promoven a inclusión social. Puxo sobre a mesa as controversias que se xeran nestas rúas en canto á seguranza e á comodidade dos colectivos máis vulnerables: as persoas con déficits visuais, nenos e nenas máis pequenas e xente maior, persoas con déficits cognitivos.

Afirmou que cando se deseñan as cidades para que sexan sitio de vida e estancia vai en favor de todas e todos e subliñou que é preciso non caer nos deseños de segregación por bandas marcando canles para persoas xa con pavimentos específicos xa con bolardos, porque entrar nesas peticións é a afondar no concepto de rúas con espazo moi delimitado para a xente e para o coche.

"Se delimitamos un espazo moi claro para o coche, o coche come a rúa. Ese é o problema que temos: se damos un espazo ao coche, o coche expulsa a todo o mundo, e hai que facer que o coche non coma a rúa e non expulse a ninguén. É complicadísimo, non digo que sexa fácil, pero creo que é o camiño que debemos andar máis que o camiño da segregación e a diferenciación, porque aí perdémonos e o coche volve gañar protagonismo outra vez, aínda que sexa unha plataforma única".

Dirixíndose a representantes técnicos e políticos, Navazo pediu valentía para testar e probar diferentes deseños urbanos e influenciar o comportamento social para que as persoas se apoderen da rúa e os coches se retraian. "Sempre digo que se os de Microsoft van sacando Windows e se equivocan e sacan novas versións, pois nós tamén, temos que probar cousas, poñelas a proba... e se fai falta volver atrás e sacar unha nova versión. Iso é o que eu adoito pedir a persoas técnicas e políticas: innovación, valentía e tirar para atrás se fai falta como fai Microsoft e Apple coas súas equipas de I+D. Se eles o fan, nós tamén", finalizou.

Anxo Queiruga-Paulo Fontán: A accesibilidade non vai en contra de ninguén

O director de Cogami, Anxo Queiruga, fixo na Facultade Ágora un percorrido pola historia da confederación de persoas con diversidade. Lembrou que o colectivo leva máis de 30 anos impulsando un cambio social para que as persoas con discapacidade estean no centro dos deseños urbanos e se teñan en conta.

"A accesibilidade non vai en contra de ninguén, debería estar interiorizada por todo o mundo. Antes parecía que o que se facía nas cidades non era en beneficio da comunidade, de todas e todos, que só era para nós, para uns poucos", explicou, "cando na realidade calquera persoa pode de maneira temporal ter un problema de mobilidade , operarse dunha cadeira ou caer e romper unha perna, e verse afectado polos problemas que xeran os deseños non accesibles". Segundo dixo, hai moito avanzado coa maioría das administracións, mais aínda hoxe é preciso reivindicar melloras porque hai xente que non pode saír das súas casas de maneira permanente.

Paulo Fontán, pola súa banda, fixo un percorrido por cuestións técnicas prácticas e de normativa. Subliñou que o mellor deseño para dar resposta ás necesidades das persoas vulnerables "é aquel que non se ve" e que permite que todas as persoas se desenvolvan no espazo público sen contratempo. Insistiu en que as normas urbanísticas "existen por algo" e salientou que as solucións técnicas deben cumprir "uns mínimos".

Insistiu en que é difícil chegar a solucións viables, polo que instou a todo o persoal técnico, tanto persoas arquitectas e enxeñeiras, como políticas das administracións locais, se asesoren coas persoas que viven de primeira man como é moverse en cadeira de rodas ou con outras diversidades sensoriais no espazo público.

Cargando

Escucha la radio en directo

Cadena SER
Directo

Tu contenido empezará después la publicidad

Programación

A continuación

    Último boletín

    Emisoras

    Elige una emisora

    Cadena SER

    Compartir

    Tu contenido empezará después de la publicidad

    Cadena SER

    ¿Quieres recibir notificaciones con las noticias más importantes?