'El gran hotel de las reinas' abre a tempada de grandes musicais no auditorio
O musical, que vén de pasar con gran éxito por Barcelona chegará a Vigo os vindeiros 6 e 7 de novembro

Gran Hotel de las Reinas / Cedida

Vigo
O Auditorio Mar de Vigo abre a vindeira semana a tempada de grandes musicais, despois de case dous anos sen este tipo de actuacións, debido á irrupción da pandemia. O espectáculo ‘El Gran Hotel de las Reinas’, que se representará o sábado 6 e domingo 7 de novembro, está a piques de esgotar xa as localidades para a primeira das súas actuacións.
O musical, que arrasou na súa estrea no Festival Starlite Marbella, pasou por cidades como Barcelona e Madrid, e en ambas cidades veuse na obriga de ampliar o número de funcións case un mes pola alta demanda de entradas. Tras o seu exitoso paso por Madrid, o espectáculo chega a Vigo como unha das cidades nas que representar este novedoso show protagonizado polas participantes do reality ‘Drag Race España’.
Un espectáculo onde o baile, o humor, a música en directo, os lypsinc, os looks espectaculares, a provocación, as sorpresas e a participación do público fan vivir unha noite inesquecible. Todo conducido por Supremme De Luxe, como “director" do Hotel e con Paca La Piraña, actriz revelación de serie “Veneno”, como recepcionista do hotel, polo que pasarán máis hóspedes televisivas; e aínda que o aliciente do show sexan os espectaculares looks das 10 protagonistas, os máis de 20 bailaríns e as proxeccións, o despregamento técnico e a montaxe, tamén son dignas de mención, xa que o espectáculo estará no Auditorio Mar de Vigo o dobre de días programados.




