Nacho Vegas e Dulce Pontes súmanse á programación do Mar de Vigo
Desde hoxe estarán á venda as entradas para as actuacións de Dulce Pontes e Nacho Vegas

Dulce Pontes / Auditorio Mar de Vigo

Vigo
A calidade musical déixase ver no listado de artistas nacionais e internaciones que veñen de sumarse á programación de concertos do Auditorio Mar de Vigo para finais de 2021 e comezos de 2022. Dous grandes nomes como Nacho Vegas e Dulce Pontes, súmanse a unha gran programación coa presenza de artistas consagrados como Love Of Lesbian, Mikel Erentxun ou The Eels, ou de grupos novos e cada vez máis populares como Los Zigarros. Desde o Mar de Vigo, a proposta busca atender unha programación que chegue a todos os públicos, buscando a variedade de estilos coa calidade como denominador común.
‘Mundos inmóviles derrumbándose’ é o álbum que Nacho Vegas lanzará a principios do ano que vén seguido dunha extensa xira coa que parará no Mar de Vigo o 12 de febreiro, e na que ademais, se verá ben arroupado sobre o escenario por unha nova e sólida banda. Unha estimulante combinación de sons interpretada maxistralmente pola banda que gravou as novas cancións: Ferran Resines, Hans Lagoa, Joseba Irazoki e Manu Molina, a quen se sumará no directo Juliane Heinemann. O primeiro adianto, ‘La flor de la manzana’, é un tema que abre unha nova etapa do artista na que nos toparemos con sons e ritmos inesperados, pero coa mesma mestría lírica que xa coñecemos.
O 18 de decembro, Dulce Pontes regresa a Vigo para presentar ‘Fascinação Tour’, un show co que rendirá homenaxe aos que foron algúns dos seus principais referentes musicais, como a gran mestra Ellis Regina –a cantante coa que máis se identifica–, a gran Amália Rodrigues ou o seu grande referente no xénero portugués por excelencia, o Fado. Por último, e como non podería ser doutro xeito, Dulce tamén fará un aceno ao que ten sido o seu gran mestre, mentor e, por enriba de todo, amigo: o grande compositor Ennio Morricone.




