O Auditorio Mar de Vigo súmase aos establecementos adscritos ao Bono Cultura
O público adscrito previamente ao Bono Cultura, poderá obter un desconto de ata un 50% en perto de 40 espectáculos programados no Mar de Vigo nos vindeiros meses

Imegen de una actuación / Auditorio Mar de Vigo

Vigo
O Auditorio Mar de Vigo súmase desde este luns 15 de novembro aos establecementos adscritos ao Bono Cultura promovido pola Xunta de Galicia, a través do cal o público poderá obter descontos de ata un 50%.
Nos últimos días, a Consellería de Cultura e Educación deu luz verde á solicitude do Auditorio Mar de Vigo para entrar neste programa de bonificacións, que ten como obxectivo reactivar o sector cultural despois dos efectos da crise da Covid-19.
Desde este luns, a taquilla do Auditorio Mar de Vigo estará aberta todos os días entre 18.00 horas e as 20.00 horas, para que as persoas que o desexen poidan adquirir entradas e beneficiarse deste desconto, xa que tal e como marcan as condicións do Bono Cultura, as entradas deben adquirirse de xeito presencial.
Para acceder a este desconto, as persoas deberán estar inscritas previamente na web de Bono Cultura e ter adxudicado un código QR, que será o que se active para realizar o desconto en taquilla. Este programa da Consellería de Cultura concede un crédito de 50 euros a cada persoa, para utilizalo na compra de entradas para concertos e espectáculos escénicos. Cada entrada que se merque poderá ter un desconto máximo do 50%, e mentres teñan crédito, as persoas inscritas poderán mercar entradas ata o 31 de decembro.
No caso do Auditorio Mar de Vigo, este bono desconto poderá ser utilizado en case 40 espectáculos diferentes, que van desde concertos a espectáculos de ballet, maxia, ópera, música clásica e numerosos eventos infantís e familares.
Os máis inmediatos serán a ópera “Madama Butterfly” o domingo 21 de novembro, as actuacións musicais de Los Zigarros (4 de decembro), Love of Lesbian (11 de decembro) e Dulce Pontes (18 de decembro), o espectáculo de maxia do popular mago cómico Jandro o 12 de decembro) ou o ballet “El Cascanueces” o 19 de decembro.




