Silva: "Ningunha administración investiu tanto e con tanto tino para transformar os concellos do Valmiñor"
Silva anunciou que o Valmiñor vai dispor doutros 7,5 millóns de euros de fondos provinciais xa o ano próximo para despregar "políticas expansivas que impulsen a recuperación"

Carmela Silva, este jueves en Baiona / Deputación Pontevedra

Vigo
“Ningunha Administración investiu tanto e con tanto tino para transformar os tres concellos do Valmiñor”. Así o reivindicou hoxe a presidenta da Deputación, Carmela Silva, durante a súa comparecencia para render contas dos seis anos transcorridos dende o cambio no Goberno provincial, un tempo no que o investimento nesta comarca alcanzou a histórica cifra de 30.256.000 euros. Carmela Silva anunciou, ademais, que o Valmiñor vai dispor doutros 7,5 millóns de euros de fondos provinciais xa o ano próximo para despregar “políticas expansivas que impulsen a recuperación”. Unha inxección que chegará coas novidades do Plan Concellos bianual 2022-23 (dotado con máis de 5 millóns de euros para a comarca) e o plan extraordinario ReacPon (que subvencionará tres grandes proxectos municipais con máis de 2,4 millóns.
A presidenta provincial afirmou que o balance destes 6 anos no Valmiñor “non pode ser máis satisfactorio” e recalcou que Baiona, Nigrán e Gondomar “teñen a unha Administración provincial aliada, que vai da man dos concellos e que permite que a xente, viva onde viva, goce de servizos e dereitos e non teña que irse a outros lugares”.
Cualificou os avances deste sexenio como “unha transformación histórica asentada sobre un modelo moi claro de convivencia, cohesión social e territorial e de respecto polo medio ambiente, que defende a posición das mulleres no mundo, a recuperación das vilas para as persoas, un turismo sostible e unha economía avanzada”. Ao detalle, e concello por concello, explicou que en Baiona lévanse investidos 9,4 millóns de euros; 11,2 millóns en Nigrán e outros 9,4 millóns en Gondomar.
Na súa visita ao Valmiñor, ao igual que xa ten feito nos balances para dación de contas á cidadanía realizados nas comarcas do Salnés, Deza e Baixo Miño, a presidenta puxo en valor que estamos diante do maior investimento da historia da Deputación, tanto na comarca como concello a concello. Ademais, engadiu, é a primeira vez que os fondos provinciais se reparten integramente con carácter regrado, obxectivo e transparente “porque hai 6 anos, a forma de gobernar do PP na provincia de Pontevedra era a dedocracia, en base a dous intereses: primeiro, e “sine qua non”, que gobernara o PP e, en segundo lugar, os intereses electorais en cada partido xudicial para traducir os investimentos en números de deputados e deputadas”. Carmela Silva insistiu en que “as políticas caciquís e clientelares” quedaron atrás e agora impera “un modelo claro de transformación da provincia de Pontevedra e no que os investimentos públicos melloran a calidade de vida de toda a veciñanza”.
133 obras, 181 actividades socioculturais e 388 empregos co Plan Concellos O Plan Concellos, o gran operativo de financiación municipal desta Deputación, foi definido como “a medida estrela”. “Antes os fondos se decidían a dedo e había 20 millóns de euros de libre disposición para repartir como, cando e onde quería o presidente”, explicou. “Eu, como presidenta, non teño nin un euro de libre disposición.
É máis, sería un escándalo e mesmo unha sinvergoncería”. A Deputación financiou ao¡ Valmiñor con 17,4 millóns de euros baixo o paraugas do Plan Concellos. Recursos que fixeron posible a execución dun total de 133 obras, 181 actividades socioculturais e a creación de 388 empregos nos concellos “para garantir os servizos superando as dificultades que trouxo aquela tolería da lei Montoro que impedía repoñer persoal”.
A presidenta puxo énfase no impacto dos plans extraordinarios, como o DepoRemse, pensado para a seguridade viaria en espazos públicos municipais. Deste programa beneficiouse Baiona, que obtivo 290.121 euros para a remodelación e mellora da seguridade viaria na avenida de Sabarís. En paralelo, do Plan de Reequilibrio beneficiáronse os concellos de Gondomar, “facendo unha obra que creou outro Gondomar, que é a praza da Paradela e contorna; unha obra que creou un verdadeiro centro, unha praza onde antes había unha estrada pola que pasaban vehículos e non paraban”. A achega provincial alcanzou os 639.056 euros. En tanto, Nigrán construíu a nova biblioteca municipal, con preto de 1.480.000 euros. Un equipamento que Carmela
Silva definiu como unha grande referencia na provincia “polo que significa de apoio á cultura na comarca e tamén porque é unha obra moi singular”. En canto ao plan Ágora, que ten como obxectivo recuperar o 50% do espazo que ocupan os vehículos para as persoas, o investimento total foi de 146.530 euros que se repartiron nas obras de humanización da rúa Gaivota (Nigrán), con 46.530 euros; e os dous proxectos técnicos en Gondomar e Baiona subvencionados con 50.000 euros cada un.
A maiores, anticipou que os 2,4 millóns de euros que a comarca vai recibir o ano próximo 2022 no marco do programa ReacPon dedicaranse ás obras do paseo Pinzón (Baiona), con 1.744.006 euros; a rúa Otero Pedraio (Nigrán), con 1.592.114 euros, e a praza de Rosalía de Castro (Gondomar), con outros 833.554 euros. O apoio provincial significará a mobilización dun total de 4,2 millóns de euros nestes tres grandes proxectos.