400.000 euros para solucionar a problemática do arsénico en Castrelo de Miño
A Xunta asina un convenio de colaboración co Concello
Ourense
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, vén de asinar de xeito telemático co alcalde do Castrelo de Miño, Avelino Pazos, o convenio de colaboración para desenvolver as actuacións necesarias para reducir os niveis de arsénico do sistema de abastecemento municipal de auga, que suporán un investimento de 400.000 euros.
Reza o comunicado que A Xunta financiará a asistencia técnica ao Concello para definir as actuacións de emerxencia necesarias para a eliminación do arsénico con carácter urxente, as obras para abastecer con garantía sanitaria á poboación e a redacción do proxecto da solución definitiva a este problema.
O obxectivo é realizar as actuacións necesarias para minimizar os niveis de arsénico detectados na auga que abastece á poboación do municipio de Castrelo de Miño.
O pasado 17 de decembro o Concello realizou unha Declaración de Emerxencia. Así, entre outras intervencións, na potabilizadora de Coto Novelle mellorarase a dosificación de reactivos e levarase a cabo a substitución da area do filtro por outra de alta capacidade, cun sistema automatico.