Catro feridos nun choque entre dous vehículos en Carnota
O sinistro rexistrouse na parroquia de San Mamede de Carnota, en concreto, na estrada que une Carnota con Caldebarcos
Catro persoas tiveron que ser evacuadas ao Hospital Virxe da Xunqueira de Cee despois de chocar dous turismos na estrada AC-550, no punto quilómetro 19, no municipio coruñés de Carnota.
Segundo trasladou o 112 Galicia, os feitos ocorreron minutos despois das 12,00 horas. A esa hora, varias persoas particulares chamaban á central de emerxencias para informar dunha colisión entre dous vehículos con varias persoas feridas na parroquia de San Mamede de Carnota, en concreto, na estrada que une Carnota con Caldebarcos. Ademais, indicaban que un dos coches quedara envorcado na calzada.
Con esta información, os operadores do 112 Galicia deron aviso de inmediato aos servizos sanitarios, aos membros do GES de Muros, á Garda Civil de Tráfico e á Policía Local.
Por outra banda, co fin de asegurar a circulación na estrada, tamén informaron o persoal da Axencia Galega de Infraestruturas.