Tres homes normais
A carta aberta de Carlos Rodríguez aos capitáns albivermellos
Tres homes normais, por Carlos Rodríguez
Lugo
Esgotáronse todos os adxectivos para Iriome, Carlos Pita e Fernando Seoane. Tres emblemas que xa son historia deste clube. Alén dos seus méritos deportivos, eu vou quedar coa sensación que sempre transmitiron, que non é outra que a de parecer tres homes normais.
Tiven a inmensa fortuna de poder convivir con eles durante uns meses e aprendín que se pode ser futbolista sen parecelo. Sen artificios, sen polémicas, sen mirar unicamente por un mesmo... Ser futbolista sen comportarse dun xeito distinto a como faría alguén cun traballo, digamos, normal.
Onte tivemos o mellor exemplo cando Seo amosou a súa preocupación polo rumbo da sociedade e as novas xeracións. Un comentario que firmaría o pai de cada un de nós, pero que acadou unha maior dimensión por saír de alguén a quen presupoñemos lonxe da realidade do resto dos mortais. Pero así é Seoane. E Pita. E Iriome... E así é Lugo. E quizais por iso casaron tan ben cunha cidade humilde, sempre lonxe dos focos pero cun orgullo disposto a manifestarse cando alguén ataca o noso.
Eu só espero que ese orgullo que tanto nos custa sacar aos lucenses esperte agora cada vez que escoitemos os nomes de Pita, Iriome e Seoane. Tres homes normais, que sostiveron unha historia extraordinaria.
Carlos Rodríguez
Redactora de Radio Lugo