Política | Actualidad

A Laracha presentará alegacións contra o parque eólico Pedra Queimada

Anteriormente xa presentara alegacións aos de Carboeiro, Monteagudo e Coto Loureiro

Un parque eólico / Michael Betts

O Concello da Laracha presentará alegacións ao proxecto do parque eólico Pedra Queimada, que prevé a instalación de dous aeroxeneradores de 5,7 MW de potencia nominal unitaria, un deles no termo municipal da Laracha, preto do núcleo de Alvite (Caión) e, o outro en Arteixo, na parroquia de Monteagudo.

O Concello oponse ao proxecto ao entender que o aeroxenerador previsto en territorio larachés está moi preto de núcleos de poboación rural (Alvite, Xermaña, O Outeiro, Goxán e O Campo da Costa) como polo seu negativo impacto paisaxístico e medioambiental, xa que a localización é próxima ao litoral de Caión e sería moi visible desde a liña da costa.

Consideran tamén dende o concellos que este novo proxecto en realidade forma parte dun megaparque fragmentado en dous, Pedra Queimada e Monteagudo coa intención de que os dous parques se sometan a unha avaliación simplificada e, así, non ter que afrontar unha común, máis complexa e que presentaría maiores dificultades para superar o impacto que tería no territorio e na poboación.

O Concello manterá en relación ao parque eólico Pedra Queimada a mesma posición que tivo co resto de proxectos de parques eólicos localizados no termo municipal da Laracha e os das súas correspondentes liñas eléctricas de evacuación que estiveron en exposición pública nos últimos meses. Aseguran que defenden os intereses da veciñanza, tanto a nivel xeral como particular, reclamando que ditas infraestruturas non se instalen en zonas de especial protección ambiental ou paisaxística nin en emprazamentos que poidan afectar a vivendas, edificacións ou servizos básicos á poboación, como por exemplo á captación da auga.

O proxecto do parque eólico Pedra Queimada estará ata o 17 de agosto en exposición pública, data ata que calquera particular poderá sumarse á iniciativa do Concello da Laracha e presentar as correspondentes alegacións, suxestións, achegas e opinións ante a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación. Nese sentido, o Concello porá nos próximos días na web municipal a disposición da cidadanía un modelo tipo de alegacións contra o parque eólico Pedra Queimada.