A Xunta loa a confraría de pescadores de Lira pola súa defensa de produtos do mar capturados con frota artesanal
Un distintivo galego certifica que peixes e mariscos foron capturados no día e con artes selectivas
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiu este sábado á Festa de degustación dos produtos da reserva mariña de interese pesqueiro Os Miñarzos, en Carnota, onde destacou o traballo da confraría de pescadores de Lira na posta en valor dos produtos do mar capturados con frota artesanal.
Nesta festa, explican nun comunicado, degústase e mostra a calidade dos produtos do mar certificados coa marca de calidade 'Pesca de Rías, de onde se non?' como o polbo, percebes, berberechcos, navallas e mexillóns.
Aprovéitase así para difundir un distintivo autonómico que certifica que peixes e mariscos foron capturados como máximo 24 horas antes da primeira venda e con artes de pesca moi selectivas, "que contribúe a impulsar a súa demanda".
En 2021 os produtos amparados por este selo aumentaron case un 30% en relación co ano anterior, ata roldar as 14.000 toneladas, "cifras semellantes ás rexistradas antes da pandemia".
A cita, que se celebrará tamén o 6 de agosto, está organizada pola confraría de pescadores de Lira (Carnota), coa colaboración da Consellería.