Directo

ENTREVISTA RODRI Sigue en directo la entrevista en 'El Larguero' a Rodri, el ganador del Balón de Oro

Sociedad | Actualidad

Malpica de Bergantiños, sen auga potable ao comprobarse que a traída municipal "non é apta para o consumo"

O alcalde do municipio, Eduardo Parga, asegurou que, polo momento, a localidade non rexistra problemas de falta de auga

Entrevista a Eduardo Parga, alcalde de Malpica (16/08/2022)

Malpica

O Concello de Malpica de Bergantiños informou aos seus veciños de que a auga da rede municipal "non é apta para o consumo", xa que "incumpre os parámetros de trihalometanos". En todo caso, si pode usarse para hixiene persoal e outros usos que non impliquen inxerila.

O alcalde do municipio, Eduardo Parga, en declaracións a Europa Press, asegurou que, polo momento, a localidade non rexistra problemas de falta de auga, pero "ao padecer unha seca tan grande, os ríos teñen pouco caudal e arrastran moita materia orgánica", o que fai que estes restos do fondo terminen por chegar ata os fogares dos malpicáns.

Así mesmo, explicou que o venres e o sábado a Consellería de Sanidade realizou unhas analíticas nas que se deron uns parámetros de trihalometanos (THM) que superaban os máximos establecidos. #Ante isto, Sanidade instou o Concello a informar os veciños de que a auga da rede municipal non é apta para o consumo humano, polo que tampouco se pode cociñar con ela. "Si se poden duchar ou lavar a roupa. Todo, menos bebela", detallou o alcalde.

Agora, o Concello repartiu auga embotellada entre os locais de hostalería do municipio e tamén entre os veciños que así o necesiten.

Neste sentido, Parga sinalou que todo aquel cidadán que a necesite, pode achegarse ao concello para recoller auga embotellada. Sobre a situación nas parroquias, o rexedor indicou que tamén comezarán a levala, pero "a situación é menos preocupante" porque nas zonas rurais hai outras fontes e pozos particulares.

En todo caso, o alcalde manifestou que, a pesar de que traballan "contrarreloxo", non pode concretar unha data na que a situación volva á normalidade. "O martes Sanidade volverá facer outra analítica para ver se mellorou cos traballos que se están levando a cabo. Despois estaremos nunha reunión con técnicos da Consellería para que nos dean asesoramento e podamos conseguir que a situación mellore", expresou Eduardo Parga.