“Un camiño ben temperado” levará a música antiga a cinco puntos da ruta xacobea portuguesa
Terá lugar do 3 ao 11 de setembro nas localidades de Redondela, Baiona, Oia, A Guarda e Tui.
Vigo
A Clásica presenta “Un camiño ben temperado”, un ciclo de cinco concertos de música antiga no Camiño Portugués que xuntará a artistas das dúas marxes do río Miño para poñer en valor o pasado musical común de Galicia e Portugal. Terá lugar entre os días 3 e 11 de setembro en Redondela, Baiona, Oia, A Guarda e Tui.
Os arquivos das catedrais supoñen unha fonte de gran valor para a interpretación e a investigación musical da nosa contorna, pois cada un deles conserva a música que se interpretaba nos espazos relixiosos das dioceses. “O Camiño de Santiago era unha vía de conexión entre artistas e instrumentistas do norte de Portugal e Galicia. Con este proxecto queremos poñer en valor ese intercambio constante, a comunicación histórica e as influencias entre os dous países a través do repertorio histórico destes territorios”, comenta Manuel Martínez Torres, director do ciclo.
Co programa de “Un camiño ben temperado”, a Orquesta Clásica de Vigo procura xerar un espazo de troco e posta en común arredor da interpretación historicamente informada do repertorio ibérico e as súas ligazóns co exterior. Ademais, a orquestra promove a conexión entre artistas galegos e portugueses a través do patrimonio histórico do sur da provincia de Pontevedra, nun espazo correspondente coa diocese Tui-Vigo.
O programa contará coa presenza de artistas das dúas beiras do Miño: Manuel Vilas (arpa), Mario Braña (violín barroco), Elsa Pidre (violonchelo barroco), I Colori Dell'Armonia, João Janeiro e Metáfora das Flores. A entrada a todos os concertos será de balde ata completar capacidade do espazo.
“Un camiño ben temperado” está financiado cos fondos do programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia.