Izal, broche de ouro para a cuarta edición do Caudal Fest
O grupo de indie pop encabezado por Mikel Izal ofrecerá o seu derradeiro concerto en Galicia na última gran festa do verán
Lugo
Caudal Fest volve en 2022 á súa celebración en gran formato. Faino con máis cabezas de cartel que nunca para facer desta unha edición moi especial. A organización presentou o pasado mes de maio un cartel no que destacan varios nomes como Robe Iniesta, Estopa ou Morad, entre outros.
Robe, que durante máis de tres décadas actuou como líder de Extremoduro, fará unha parada na súa xira “Ahora es cuando” en Lugo no marco do Caudal Fest. O público do festival poderá gozar non só dos éxitos da carreira en solitario do plasentino, senón tamén dos grandes éxitos de Extremoduro, unha lista de temas que asemella non ter fin.
Xunto a Robe tamén estará presente un dos fenómenos musicais máis importantes das últimas décadas no noso país: Estopa. Dende 1999 os irmáns Muñoz son un dos directos máis populares do noso país. Na contorna do Miño haberá éxitos como "La raja de tu falda", "Como Camarón" ou o seu último sinxelo "Camiseta de Rokanrol" con Fito Cabrales (Fito e Fitipaldis).
O último gran cabeza de cartel do Caudal Fest 2022 será Izal, que dará no Caudal Fest o que será o seu último concerto da súa carreira en Galicia. Izal son, por dereito propio, unha das formacións máis grandes dos últimos dez anos no noso país. Formados en 2010, foron ao longo destes anos protagonistas destacados da nova xeración da escena independente nacional. Vendendo centos de miles de discos e entradas ao longo das súas extensas xiras por ambos lados do Atlántico. Izal abandonará os escenarios nesta xira de 2022 e despediráse de Galicia no Caudal Fest.
Xunto a outros artistas como Cupido, Delaossa,León Benavente, Ilegales ou os lucenses Forget La France, o Caudal Fest completa o seu cartel para 2022, destacando, unha vez máis, como un dos destinos máis atractivos para os amantes da música en directo no norte, terceiro de España. O Caudal Fest volverá ser o epicentro da música en Galicia nos vindeiros 16 e 17 de setembro.
Volve a última gran festa do verán. Volve o Caudal Fest.