Ramón Vigo dimite como edil en Cee
O voceiro dos Independentes pon punto e final a súa carreira política
Cee
Ramón Vigo, exalcalde de Cee, vén de comunicar a súa renuncia á acta de concelleiro na Vila da Xunqueira. Nun comunicado enviado aos medios, Vigo confesa a "perda da ilusión que me acompañou ao longo da miña carreira política" de algo máis de 27 anos. Un período durante o que foi alcalde durante dez anos e no que fundou o partido Independentes por Cee do que seguirá sendo secretario xeral "mentres goce do beneplácito dos meus compañeiros".
No comunicado de despedida, Ramón Vigo lembra "momentos duros" como o encarceramento provocado pola súa implicación na "Operación Orquesta" ou os probelmas de saúde sufridos nos últimos anos. Vigo repasa a súa carreira política e manifesta ter ocupado a acta de concelleiro da presente lexislatura "obrigada pola cidadanía en xeral e os meus votantes en particular". O exalcalde agradece o traballo de tódolos membros das corporacións das que formou parte, dos traballadores do Concello de Cee e os concelleiros de IxC, de xeito especial "a Pilar Iglesias e Camola Díaz". Precisamente Pilar Iglesias soa con forza para encabezar a candidatura dos Independentes nas vindeiras elecións municipais logo de que o grupo efectuara diversos contactos na procura dun cabeza de cartel.