Antonio Carreño recibirá a Medalla de Ouro da Provincia
Carreño mostrouse moi agradecido e emocionado
O presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, reuniuse no Pazo Provincial co filólogo e investigador Antonio Carreño (Parada de Sil, 1938) para comunicarlle que nos próximos días iniciarase o expediente para distinguilo coa Medalla de Ouro da Provincia.
Con este recoñecemento, “a máis alta distinción que a Deputación concede ós mellores fillos da terra ourensá”, o goberno provincial quere homenaxear a traxectoria do “experto máis importante do mundo en figuras da literatura española como Lope de Vega”, resalta Baltar sobre un Antonio Carreño ao que define como “un estudoso referente global no Siglo de Oro, un intelectual cunha carreira internacional de primeiro nivel con fonda pegada en universidades estadounidense do prestixio de Brown, da que é catedrático emérito”.
Antonio Carreño confesou a súa emoción por este recoñecemento: “Ninguén é profeta na súa terra. Eu, aos meus anos, convírtome nunha persoa con certo respecto na volta a esta casa que sempre foi a miña. Estou moi agradecido e emocionado”.
O filólogo de Parada de Sil puxo en valor o recoñecemento da Deputación e o apoio de Francisco Magide: “Si son algo eu aquí, agora, é grazas ao meu amigo Paco Magide. El impulsou o meu nomeamento como fillo predilecto de Parada de Sil. Algo que xamais pensei que podería ocorrer”.
Antonio Carreño lembrou as súas orixes en Parada de Sil e a súa traxectoria vital, marcada pola chegada a Estados Unidos: “Veño dunha aldea pequena, Sardela, onde pasei a nenez. Despois de idas e voltas, terminei como mestre nacional nunha campaña de alfabetización en Ourense. Tiven a tolemia de romper este espazo vital e dar o salto a Estados Unidos. Cheguei como turista, un verán, coa intención de volver. Pero nunca volvín. Ou si, porque sempre volvo, sempre estiven aquí”.
O filólogo pondera o seu camiño profesional e a volta ao fogar: “Tiven unha carreira intensa en Estados Unidos, conseguín algún logro, non moitos. E volvín, xubilado a Ourense, a Parada de Sil. Con saltos a Madrid para traballar na Biblioteca Nacional (…) Eu vivín catro anos en Ourense na avenida de Buenos Aires, no número 111. Hoxe, voltar a pasear estas rúas é voltar a encontrarme comigo mesmo”.