Unha plataforma veciñal para reivindicar a construción urxente do porto mixto en Corcubión
En Corcubión levan case 30 anos intentando ter un porto máis seguro que acolla tanto a barcos de pesca como de náutica recreativa
Corcubión
En Corcubión levan case 30 anos intentando ter un porto máis seguro que acolla tanto a barcos de pesca como de náutica recreativa, un porto mixto ao que a Xunta xa dou o seu visto bo, pero pasan os anos e continúa sen construírse.
No porto corcubionés a maioría dos barcos teñen que quedar amarrados a un morto e con demasiada frecuencia, debido aos temporais, sóltanse indo parar ás rochas que xeran importantes danos nas embarcacións, ás veces quedando completamente esnaquizadas.
Fartos desta situación un grupo de usuarios acaba de crear unha plataforma, en colaboración coa confraría de pescadores e o club Marítimo Carrumeiro, esixen que se axilice a construción do porto mixto. Unha das razóns polas que deron o paso foi comprobar que a Xunta só destina 17.000€ nos seus orzamentos de 2023 para esta infraestrutura, unha cantidade absolutamente insuficiente para avanzar no proxecto.
Neste momento estase realizando o estudo de impacto medioambiental, dende a plataforma piden maior implicación das administracións e que se axilice todo o proceso. Esixen máis información, que se fixen prazos para avanzar no proxecto e que estes se cumpran.
Para os impulsores da plataforma “Porto si, Mortos non” o porto mixto é imprescindible para mellorar a seguridade dos barcos pero tamén como revulsivo económico para a vila xa que contribuiría a aumentar a actividade náutico recreativa.