Redondela comeza o proceso de facer realidade o paseo peonil sobre o antigo viaduto
A estrutura, de finais do século XIX, deixou de utilizarse hai 50 anos
Camiñar polo Viaduto de Madrid de Redondela poderá ser unha realidade co tempo. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, reuniuse coa Subdirección Xeral de Patrimonio do Estado coa intención de retomar o proxecto de rehabilitación desta estrutura ferroviaria de finais do século XIX que deixou de utilizarse hai 50 anos. O obxectivo, ademáis de facelo peonil, é tamén crear un mirador que permita observar a paisaxe que roda á vila.
“Recoñecemos o valor da inciativa que dotaría ó patrimonio redondelá un uso social para o goce do pobo e o turismo, por ese motivo decidimos reunirnos co titular do estado, Bernardino Pérez Crespo. Aínda que o proxecto foi proposto en 2004 polo ex-acalde socialista Xaime Rei, nunca chegou a levarse a cabo. Esta é a primeira vez que se fan as pescudas necesarias para coñecer o estado do viaduto e a vialbilidade real da reforma”, explica Rivas.
O Concello remitirá a Patrimonio un oficio solicitando o estudo de viabilidade, co que se valorará non só o estado da infraesturctura, senón tamén o valor económico da mesma. “Para que este goberno consiga os obxectivos aquí expresados ten que ter unha perspectiva realista na que se evalúe a viabilidade económica. Comprometémonos a explorar fórmulas para que o goberno central e a Xunta de Galicia impulsen e axuden ao mantemento deste gran proxecto patrimonial”, engade a rexidora.
Despois da xa mencionada reunión iniciase o procedemento para facer realidade o proxecto e o concello comprométese a atopar a fórmula de tituralidade compartida da obra co Estado e a Xunta de Galicia. Unha das posibilidades presentadas polo concello durante a xuntanza propón que o estado se faga cargo da conservación das estructuras do viaduto e o concello faríase cargo do mantemeto dos accesos e da zona peonil.
Este é un proxecto común da vila, reivindicado por toda a veciñanza e por todos os grupos municipais dende o ano 1987. O viaduto é patrimonio histórico pero tamén un elemento de identidade ou símbolo de Redondela. “Por iso somos chamados 'A vila dos Viadutos'. Recollemos o relevo e imos loitar, para converter en realidade o soño común da vila, pero para cumplilo primeiro é necesario contar cos informes pertinentes e os apoios económicos necesarios”, conclúe a alcaldesa.