Hora 14 VigoHora 14 Vigo
Sociedad
Espacio

A Axencia Espacial Europea supervisará o desenvolvemento da misión espacial BIXO de UVigo SpaceLab

O satélite vigués é o máis pequeno que se quere pór en órbita con cargas biolóxicas

Todos os equipos que participaron nunha xornada de formación de Fly your satellite! o pasado mes de novembro en Holanda. (Foto: UVigo)

A misión espacial BIXO de UVigo SpaceLab é un dos seis proxectos seleccionados para participar no programa Fly Your Satellite! Design Booster Pilot da Axencia Espacial Europea, o que supón que este equipo, composto por preto de 40 estudantes de diferentes titulacións da Universidade de Vigo, vai contar co apoio de especialistas do máximo nivel durante o desenvolvemento da misión, así como con toda a experiencia e as facilidades das que dispón a axencia, “é dicir, a ESA vaise implicar de cheo no peche do deseño e na parte da testaxe do satélite”, explica Manuel Diz, coordinador do proxecto, tremendamente satisfeito con este novo éxito para o equipo, que se suma a outros logros recentes como o feito de ter sido seleccionados pola Academia chinesa de tecnoloxía de vehículos de lanzamento para ser enviado ao espazo en 2024.

Competían con outros 11 equipos de estudantes de diferentes universidades europeas (doce incluíndoos a eles), dos que só seis pasaron a criba: o equipo da Universidad Carlos III de Madrid e o resto de centros de Suíza, Italia e Romanía. “Aínda que competiamos contra equipos que xa tiñan experiencia no lanzamento de satélites, a ESA continuou apostando pola nosa misión” apunta Diz, quen sinala que o apoio da ESA vailles garantir que a carga útil do satélite e, máis en concreto, a súa parte biolóxica e microfluídica “se poida consolidar e comezar a converter o que agora son prototipos en futuros modelos de voo para estar en órbita”.

Ano e medio de asesoramento e acceso ás instalacións da ESA

O asesoramento da ESA chegará en formato híbrido, incluíndo tanto formación en liña como a realización das probas dos prototipos nas súas instalacións, xa que o programa dálles acceso a todos os instrumentos e facilidades da ESA para facer probas de certificación en condicións espaciais.

O programa ten unha duración dun ano e medio e durante este tempo a ESA acompañará en todo o momento aos integrantes de UVigo SpaceLab no desenvolvemento da misión. “Estas revisións/cursos/formacións e probas son supervisadas por expertos da axencia que están ou estiveron en misións previas”, aclara Diz, quen fai fincapé en que contarán co apoio destes especialistas en todas as cuestións relativas ao desenvolvemento do proxecto, “desde a avaliación dos deseños dos distintos sistemas que compoñen o satélite e as súas interfaces ata a preparación das probas de vibracións e termobaleiro coas que se cualifican este tipo de sistemas, por citar só dous exemplos”.

Desde UVigo SpaceLab valoran especialmente o feito de ter acceso a este asesoramento por parte de profesionais de alto nivel. “Cando desenvolvemos unha misión espacial sempre nos enfrontamos a grandes retos e dúbidas e un deles é atopar a persoas que poidan axudarnos, xa que ao ser un equipo de estudantes o noso fin é aprender e, para logralo, temos que contar con eses coñecementos, que, neste caso, nos chegan desde a ESA”, explica o responsable do equipo.

BIXO é o satélite máis pequeno que se quere pór en órbita con este tipo de cargas biolóxicas, xa que ata o de agora a NASA e o resto de axencias que desenvolveron satélites deste tipo fixérono cun tamaño maior, é dicir, cun formato cubesat 3U (30X10X10 cm) e desde UVigo SpaceLab farano en 2U (20x10x10 cm), o que supón un reto adicional polo compacto que será todo o sistema.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00