Máis da metade das aldeas modelo aprobadas están na provincia de Ourense
Actualmente sete aldeas modelo están en fase de recollida de sinaturas, catro en Ourense
Mapa aldeas modelo aprobadas e en fase de recollida de sinaturas / AGADER,
Ourense
Hai un total de 21 aldeas modelo aprobadas en Galicia, 14 na provincia de Ourense. A aldea modelo "é un instrumento de recuperación da terra agraria que ten como obxectivo fundamental poñer en valor as terras abandonadas que rodean a aldea cun dobre obxectivo: xerar actividade económica e reducir os riscos de incendios", tal e como nos explica a Directora Xeral de Desenvolvemento Rural Inés Santé.
Ás aldeas modelo existentes sumaranse máis nos vindeiros meses, especialmemente en Ourense. Unha desas aldeas é a de Muimenta. No ano 2017 Carballeda de Avia "vivía a fin do mundo". Así describía o seu alcalde un incendio que arrasou o 70% da superficie do municipio. Actualmente o concello activou, en colaboración con outras intitucións, distintas estratexias para evitar que isto aconteza de novo. Unha delas é a aldea modelo de Muimenta "das 29 hectáreas que ten a aldea, 20 que sexan para ecolóxico e o resto para o porco celta", explica o alcalde do municipio Luis Milia.
Outras das aldeas modelo ourensás é Osmo, que está no concello de Cenlle. A súa alcaldesa, Rebeca Sotelo, advirte que "calquera persoa interesada pode optar ás parcelas en réxime de aluguer. Son 17 hectáreas".
No final do ano 2022, a Xunta de Galicia publicou a guía de desenvolvemento das terras da aldea modelo de Osmo e Muimenta. Actualmente son 7 as aldeas modelo que están en fase de recollida de sinaturas, catro en Ourense.