Vermú con SER
Sociedad | Actualidad

Luis Emilio Batallán: "Non me gusta nada estar xubilado, teño a música como vía de escape"

O cantautor de Moraña recoñece que se atopa no seu mellor momento á hora de compoñer cancións e prepara a publicación do que será o derradeiro disco da súa carreira musical

Vermú con SER - Entrevista a Luis Emilio Batallán (19/02/2023)

Vermú con SER - Entrevista a Luis Emilio Batallán (19/02/2023)

27:21

Compartir

El código iframe se ha copiado en el portapapeles

<iframe src="https://cadenaser.com/embed/audio/460/1676561278928/" width="100%" height="360" frameborder="0" allowfullscreen></iframe>

Médico de familia de profesión, Luis Emilio Batallán adicou a súa vida laboral á Atención Primaria no Centro de Saúde de Moraña. Agora, xa xubilado, está centrado na música, unha afección que compaxinou mentres traballaba pero que á que agora pode adicarse de forma exclusiva. Afirma, con certo orgullo, que se atopa no mellor momento á hora de compoñer cancións. Mentres prepara os sinxelos para o seu novo disco, recoñece con certa melancolía que este traballo musical do que non nos quixo anticipar o título, será o derradeiro que publique.

Batallán abriunos moi amablemente as portas da súa casa en Moraña. Con el, charlamos neste Vermú con SER de sanidade pública, de música pero tamén de fútbol, outra das súas afeccións. Nos anos oitenta, Batallán foi presidente do Pontevedra C.F. durante cinco temporadas. "Quería facer cousas distintas pero foi unha tolería e un absurdo, unha experiencia moi negativa, foi o maior erro da miña vida", asegura Luis Emilio engadindo que "dos erros tamén se aprende malia que esta aventura foi tamén un desastre a nivel económico para o meu patrimonio", remata.

Radiografía da Sanidade Pública galega

"Gústame a medicina pola faceta humana que ten de tratar coas persoas". Batallán recoñece que detesta estar xubilado e recorda a folga de fame que fixo en Pontevedra diante do Colexio de Médicos cando o 'obrigaron' a xubilarse. Luis Emilio lamenta esta decisión do SERGAS facendo fincapé na nefasta saúde pola que pasa a Sanidade Pública: "o médico de familia é moi importante, se non hai médicos colápsanse as Urxencias porque se un paciente está enfermo quere que o atendan".

Batallán fai ademais unha radiografía sobre a falta de profesionais sanitarios: "os MIR non queren ir aos centros de saúde porque no estranxeiro lles pagan tres ou catro veces máis. En España págaselle moi mal aos médicos para o ben formados que están, normal que se vaian a outros países de Europa", sentencia.

Recalca que é absurdo establecer unha idade de xubilación para os médicos coa falta de profesionais que hai. Afirma que con un certificado de aptitude debería ser suficiente para poder seguir exercendo como médico de cabeceira.

Por último, Luis Emilio recoñece cun sorriso que :"ás veces consulto algunha persoa na rúa e tamén nos bares, a profesión de médico non se esquece e cantos máis pacientes trates máis sabes".

"Facer cancións é o que máis me gusta"

Batallán alcanzou a fama co disco 'Aí ven o Maio' publicado nos anos setenta no que lle puxo música a poemas de Rosalía de Castro, Curros Enríquez ou Álvaro Cunqueiro. "o disco foi un regalo e unha sorte". Chegáronse a vender medio millón de copias deste disco, sendo o máis vendido en lingua galega.

Luis Emilio Batallán acabou forxando unha boa amizade primeiro con Pablo Milanés e máis tarde con Joaquín Sabina e Joan Manuel Serrat. "Pablo localizoume a min a través dunha amiga, convidoume a un concerto no Parque Lenin da Habana, Cuba, con Sabina. Pablo era moi fan do disco 'Aí ven o Maio'. El e Silvio Rodríguez sabíanse todas as cancións", comenta Batallán.

Pablo Milanés falaba do seu amigo Batallán en Cuba como "un amigo meu, humilde médico rural que vai a cabalo atendendo á xente", recorda Batallán entre sorrisos a esaxerada e bromista maneira de falar de Milanés. Esta estreita amizade truncouse en novembro do 2022 co falecemento do cantautor cubano. "Pablo era un ser único, irrepetible", lamenta Luis Emilio engadindo que "a ausencia de Milanés é moi dura para min, deixa un oco que non se pode tapar, era fabuloso".

Milanés estivo en varias ocasións en Moraña na casa de Luis Emilio compartindo amizade, xantares e música. Xuntos colaboraron no disco '70 y 29' coa canción 'Park Avenue'. "Supoño que non tardaremos moito en facerlle unha homenaxe a Pablo Milanés. A súa figura meréceo, é de xustiza para un músico deste nivel pero de momento non falamos nada en concreto porque seguimos sen crernos o seu falecemento".

Rematamos a charla con Luis Emilio Batallán recordando anécdotas no ámbito musical e sanitario ao longo da súa carreira. Recoñece ter moitas e non descarta escribir un libro con todas elas. Quen sabe se a vindeira entrevista que nos conceda será para falar da súa novela...

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00