A Guarda celebrará o Día de Rosalía cun recital de poesía e unha exposición ao aire libre
O recital a cargo de Manuel Cadilla “Maruxo” será ás 20h no Centro Cultural
O vindeiro venres 24 febreiro A Guarda rendirá tributo unha vez mais á figura de Rosalía de Castro no seu día. Neste ano 2023 os actos de celebración se centrarán nun recital a cargo do guardés Manuel Cadilla, “Maruxo”, así como na Exposición ao aire libre “Casa de Galicia”.
Recital de Poesía
Manuel Cadilla “Maruxo” será este ano o protagonista do recital a Rosalía de Castro. Veciño da nosa localidade, mariñeiro retirado pero gran amante e coñecedor da obra e vida de Rosalía de Castro, ten participado habitualmente nas homenaxes e lembranzas á nai da nosa literatura, participando nos recitais, acompañando concertos, divulgando a figura rosaliana nos centros de ensino. Co seu labor certamente foi gañando un oco nas homenaxes á Rosalia, así coma o cariño do público que demandaba a súa presenza e un novo recital no que sentir a forza e emoción que fan tan especial as súas intervencións.
Nesta ocasión o recital estará acompañado por música galega que irá a cargo de Iván Abal na zanfoña, Iván Gómez na gaita e Miguel Rodríguez na guitarra.
A cita será as 20h00 do venres 24 de febreiro no Centro Cultural.
Exposición "Casa de Galicia"
Dúas horas antes deste evento, as 1800 na Praza do Reló, terá lugar a inauguración da exposición Casa de Galicia, que a través dunha montaxe pensada para permanecer a ceo aberto estará situada na céntrica praza ata o 12 de marzo. Esta exposición recolle, con textos e imaxes, a historia da Casa da Matanza, morada de Rosalía nos seus últimos anos e actual sede da Fundación e Casa-Museo. Contaremos para a ocasión coa presenza do presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira.
Caldo de Gloria
Por último, un novo ano A Guarda súmase á conmemoración do Caldo de Gloria coa participación dos comedores escolares de primaria e restaurantes da localidade, que durante o día 23 contarán no seu xantar con manteis individuais co poema "Miña casiña, meu lar", no que se describe o xeito de facer un caldiño con poucos recursos.
Os restaurantes adheridos á iniciativa son: Arruaz, O Couto e Xantar.