Directo

ENTREVISTA RODRI Sigue en directo la entrevista en 'El Larguero' a Rodri, el ganador del Balón de Oro

Hora 14 Vigo
Sociedad | Actualidad
Real Academia Galega

Falece o académico da lingua Salvador García-Bodaño

O poeta e escritor, nacido en Teis, faleceu este martes en Santiago de Compostela aos 87 anos

García-Bodaño con Alba Cid (RAG)

A Real Academia Galega comunicou este martes o seu pesar polo pasamento do académico de número Salvador García-Bodaño Zunzunegui (Vigo, 17 de xullo de 1935 – Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2023). Nunha nota enviada aos medios, a RAG sinala a García-Bodaño coma "unha das figuras máis singulares e anovadoras da promoción dos 50". De produción moi reflexiva e espazada nas publicacións, entre libro e libro colaborou en revistas e distintos volumes, mantivo unha intensa produción xornalística, cultivou a tradución e foi un destacado activista cultural dende os anos da ditadura. Como membro da RAG, foi vicesecretario da institución durante a presidencia de Xosé Ramón Barreiro (2001 – 2009).

Nacido á beira do mar de Vigo, en Teis, foi en Santiago de Compostela onde construíu o seu espazo vital e literario. Nela deuse a coñecer, mentres estudaba Dereito, como membro da xeración das Festas Minervais, certame universitario no que foi premiado en distintas ocasións. Anos despois confirmaríase como un dos poetas máis valiosos dela coa publicación do seu primeiro libro. "Ao pé de cada hora" (Galaxia, 1967) foi, nun momento en que a poesía social predominaba nas letras galegas, un poemario singular, que emanaba o marcado intimismo que caracterizaría toda a produción do poeta. Nestas páxinas confluían xa o existencialismo e o galeguismo, dúas correntes fundamentais que marcaron unha traxectoria poética que tematicamente centrou no amor á terra, á Galicia que lle deu nome ao poema que abre este volume; e o amor feminino, expresado dun xeito moi persoal.

Despois publicaría "Tempo de Compostela" (1978), recoñecido co Premio da Crítica de Poesía Galega. A esta cidade dedicoulle tamén o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, "Compostela e as nosas letras ata o Manifesto Máis Alá" (1992), e a propia institución salientou o protagonismo compostelán na súa vida e obra na publicación que editou co gallo do Día da Poesía de 2019 que lle dedicou baixo o título "Horas de Compostela". Polo conxunto de relatos "Os misterios de Monsieur D'Allier" (Galaxia, 1992), recibiu o Premio da Crítica Española de narración en lingua galega en 1993. Ese mesmo ano, a súa poesía publicada ata o momento foi recompilada en "Obra poética" (Espiral Maior), volume que incorporou ademais un cancioneiro inédito, "Poemas de amor a Xulia", e poemas soltos recuperados baixo o título "As palabras e os días".

A súa traxectoria foi recoñecida con galardóns como o Premio Xunta de Galicia á Creación Cultural (1988) ou a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago de Compostela (2012). Na súa Compostela de acollida, nos últimos anos os seus versos inscribíronse no Xardín das Pedras da Biblioteca da USC (2020) e foi nomeado presidente honorario do Ateneo de Santiago (2021).

Os seus poemas foron traducidos ao inglés, italiano, francés, ruso, sueco, catalán, ou árabe e aparecen recollidos en antoloxías da lírica contemporánea de Galicia.