A Guarda será escenario da recuperación da memoria do cinema galego a través do seu pioneiro
A vila acollerá durante dous días diferentes proxeccións de José Gil
Cartel das actividades de recuperación da memoria do cinema galego en A Guarda
A Guarda
O Concello da Guarda acolle os días 17 e 18 de marzo unha actividade para a recuperación da memoria do cinema galego a través de diferentes proxeccións dun dos seus pioneiros, José Gil. As actividades arrancan na xornada do venres 17 ás 10:00h no Centro Cultural e continúan na xornada do sábado día 18 de marzo ás 10:00h da mañá na Praza do Reló, con posterior sesión vermú amenizada pola Agrupación Musical da Guarda e pola tarde a partires das 17:00h no Centro Cultural. En caso de choiva as actividades de exterior trasládanse ao interior da Casa dos Alonso.
Vía Láctea Filmes, Cine na Rúa e Editorial Galaxia, co apoio da Deputación de Pontevedra, son os promotores desta xira que fai na vila guardesa a súa cuarta parada. José Gil (Rubiós-As Neves, 1870-1937) foi un fotógrafo e pioneiro do cinema galego que realizou máis de 150 filmes entre 1910 e 1936, principalmente no sur de Galicia. Foi tamén un home singular, comprometido, sempre á última das innovacións artísticas e tecnolóxicas do seu tempo, e cunha vida dramática que non impediu que, por natureza e afouteza de carácter, lograra desenvolver unha andaina profesional apaixoante e trascendental para o cinema en Galicia.
Relación co Baixo Miño
Os promotores deste proxecto audiovisual teñen constancia de que as localizacións extraordinarias de Santa Tegra e a desembocadura do Miño foron visitadas en varias ocasións pola cámara de Gil en peliculas como: La villa de la Guardia, el monte de Santa Tecla (1920), Panorama de Santa Tecla (1932). No Teatro-cine Ideal da Guarda (inaugurado no 1917) proxectáronse algúns filmes do cineasta, como Los Reyes de España en su visita a Vigo (1927) e algúns dos seus Noticiario de Galicia (1927-1932).
Ademais, A Guarda é un dos escasos lugares nos que chegou a funcionar o Cinemóbil Nº1, ata a destrución do propotipo por mor dun incendio na noite do 11 de decembro de 1926. Tamén era a vila do produtor executivo de Celta Films, Higinio Troncoso, que mantivo unha relación de amizade con José Gil.
Marci Varela
Vigo (1987) Presentador habitual de La Ventana...Vigo (1987) Presentador habitual de La Ventana Metropolitana y el Hoy por Hoy Baixo Miño. Narrador de partidos del RC Celta de Vigo. Presentador del programa Vigo a Debate en TeleVigo