Abre o prazo para inscribirse na III Mostra Creativa do Baixo Miño
A inscrición será de balde e no evento poderán participar persoas deseñadoras, marcas e artesáns da comarca


O Concello da Guarda segue apostando polo emprendemento e por visibilizar a gran cantidade de marcas e talentos creativos que temos na nosa comarca, xa sexan de artesanía ou en formas máis modernas de expresión.
Ao igual que o ano pasado, a Mostra coincidirá en data coa Festa do Peixe Espada, polo que existirá unha programación de actividades conxunta e que complemente a ambos eventos. Desde o Concello queremos agradecer a boa disposición para sumar esforzos de ORPAGU e establecer lazos de colaboración.
Invitamos a todas as persoas deseñadoras, marcas e artesáns da nosa comarca que desexen participar a que revisen as bases publicadas no taboleiro de anuncios e cubran a ficha de inscrición e a envíen ao correo electrónico mostracreativabm@gmail.com.




