Fe Álvarez: "Antes o ecoturismo se pensaba que era cousa de catro mal chamados perroflautas, e nada ten que ver"
O Xeodestino Ancares – Terras de Burón convértese no primeiro destino de ecoturismo da provincia de Lugo e o segundo de Galicia
Fé Álvarez: "Antes o ecoturismo se pensaba que era cousa de catro mal chamados perroflautas, e nada ten que ver"
06:53
Compartir
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
<iframe src="https://cadenaser.com/embed/audio/460/1682592150978/" width="100%" height="360" frameborder="0" allowfullscreen></iframe>
Os Ancares
A Asociación de Ecoturismo en España (AEE) vén de aceptar a solicitude de incorporación do Xeodestino Ancares – Terras de Burón ao Club Ecoturismo en España, converténdose así no primeiro destino de ecoturismo da provincia de Lugo e o segundo de Galicia.
Espazos de gran riqueza natural e paisaxística, establecementos senlleiros, gastronomía local, visitas a granxas familiares, rutas en plena natureza e as diversas experiencias de turismo sostible que se desenvolven na zona de Ancares – Terras de Burón fixeron posible este recoñecemento.
O ecoturismo é unha forma de turismo responsable enfocado na conservación dos recursos naturais e que promove o respecto e a preservación da biodiversidade, a cultura e a economía local. A Asociación Española de Ecoturismo (AEE) é unha entidade sen ánimo de lucro que ten como obxectivo promover e desenvolver o turismo sostible en España; traballando para fomentar a educación ambiental e o turismo de natureza como unha ferramenta para conservar os recursos naturais e culturais do territorio.
A xerente do GDR dos Ancares, Fe Álvarez, fai especial fincapé na repercusión positiva que ten esta distinción para o municipio tanto a nivel económico como de promoción. "O ecoturismo está de moda, os datos que temos debuxan un perfil de visitante formado que deixa unha media de 150 euros o día nas nosas terras"; exemplifica.
Ademais, Álvarez aseguro que este modelo de turismo ten futuro xa que "as novas xeracións están moi implicadas e interesadas nel". O certo é que nos últimos anos viaxar dun xeito slow e respetuoso co medio ambiente tomou moita forza. "Antes , falando mal, pensábase que eran catro perroflautas por aí perdidos... e non ten cada que ver", reseña.
Desde a Asociación Montes e Vales Orientais, que é o ente xestor do Xeodestino Ancares – Terras de Burón, preparouse unha candidatura ao Club Ecoturismo en España baseada na gran riqueza natural e cultural da zona. Esta candidatura foi aprobada, recoñecendo Ancares – Terras de Burón como un lugar ideal para aquelas persoas que buscan experiencias sostibles e en contacto coa natureza.
O presidente do Xeodestino, Carlos López deu a coñecer a nova incidindo en que “Isto é un impulso importante para o turismo na zona e atraerá un tipo de visitante moi acorde co que nós queremos ofrecer como destino turístico”.
Potencial turístico
O Xeodestino Ancares – Terras de Burón conta cun gran potencial para atraer ecoturistas. Está formado por 13 concellos da montaña lucense e conta cunha importante riqueza natural e paisaxística: engloba 6 espazos Red Natura 2000 (que suman o 50% da superficie total de Red Natura de Galicia) e 3 Reservas da Biosfera. Un entorno natural privilexiado considerado fonte de biodiversidade pola gran cantidade de especies de flora e fauna autóctona que atesoura.
“Levamos varios anos traballando nun modelo de turismo sostible, que poña en valor os recursos naturais que temos, que sexa respectuoso coas formas de vida no territorio e que contribúa á economía local. Este recoñecemento vén a confirmar e consolidar esta liña estratéxica para nós”, sinalou López.
A declaración da Asociación Española de Ecoturismo (AEE) coloca esta zona no mapa dos destinos turísticos sostibles máis importantes de España, o que servirá tamén para aumentar a súa visibilidade e o seu coñecemento.
Sara Meijide
Redactora de Radio Lugo