A oposición planta ao alcalde de Muxía
O alcalde quere aprobar unha batería de obras convocando un pleno para este sábado, en plena campaña electoral.
Iago Toba, alcalde de Muxía / Iago Toba
Muxía
Á convulsa lexislatura vivida en Muxía faltáballe inda algún capítulo. Quizáis non sexa o último, pero o sábado a vila da Barca vai ter un novo episodio de tensión ás portas da cita coas urnas e en plena campaña electoral. Iago Toba, alcalde de Muxía, vén de convocar unha sesión plenaria para este sábado no que someterá á aprobación unha aserie de obras por valor de 700.000 euros, algo que segundo a oposición, xa non é posible facer estando en plena campaña electoral.
O malestar nos grupos da oposición é evidente, calificando a convocatoria como "sainete electoralista" carente de "cultura democrática" ou "irresponsabilidade política". Tanto PP como BNG cuestionan a legalidade da convocatoria, tendo en conta que segundo o calendario electoral as actuais corporacións só poden abordar asuntos de trámite. Por ese motivo ambos grupos anuncian a súa ausencia dunha sesión plenaria que, a todas luces, vai rematar nos xulgados. A esa postura únense os "non adscritos", edís escindidos do PSOE que tampouco acudirán á cita. Os grupos políticos manifestan estar de acordo coa realización das obras pero consideran que a lei obriga a que pasen as elecións para poder convocar o pleno e dar luz verde ás actuacións.
Segundo o voceiro do BNG muxián, Carlos Concheiro "o pleno podíase ter convocado moito antes. O alcalde sabe que as obras non se poden licitar nin executar porque os concelleiros cesamos das nosas funcións o vindeiro día 28"