Política | Actualidad

Unha posible ilegalidade na licitación do SAF e o polémico último pleno, os momentos máis tensos do debate de Muxía

Os candidatos á alcaldía de Muxía protagonizaron este xoves o debate máis intenso no que vai de programación especial do 28M en Radio Nordés

De inicio os candidatos de PP, BNG e Independentes criticaron ao socialista Iago Toba, actual alcalde, acusándoo de absoluta incapacidade para xestionar, de mentir ou de ausencia de dialogo. Toba argumentou que os outros tres aspirantes están tutelados e propoñer exactamente o mesmo.

O debate tivo un dos momentos máis tensos no ámbito de benestar a conta do SAF, con acusacións de posibles ilegalidades na licitación deste servizo, a candidata popular Sandra Vilela asegurou que están estudando levar este tema á fiscalía.

Continuaron expoñendo o programa económico con propostas para elaborar un PXOM, creación de brigadas de obras, melloras nas telecomunicacións, ciclos de hostalería, saneamento, etc. Foi neste punto cando chegou outro dos momentos máis tensos con cruce de acusacións con respecto ao último pleno, ao que non foi a oposición. Dende o BNG o candidato Carlos Fernández asegurou que se se convocaba un pleno só para pago de facturas estaba disposto a ir, algo ao que se apuntou tamén a candidata popular.

Por último e antes da intervención para pedir o voto, os candidatos falaron de turísmo. Con anuncios como o de abrir unha oficina ao longo de todo o ano, reconverter en museos o faro touriñán e a reitoral; facer un centro de interpretación ou loitar por acadar o título de Reserva da Biosfera.

O debate acabou co turno para a petición do voto dos distintos candidatos.

Xa se pode ver e escoitar na web e nas redes sociais de Radio Nordés Cadena SER. Mañá venres o debate será cos candidatos de Malpica.