Abandona a organización do Mercado Medieval
Organizadores das dez últimas festas, bótanse a un lado a seis semanas da próxima edición.

O cambio de goberno en Corcubión empeza a causar os primeiros movementos / Concello de Corcubión

Corcubión
O Mercado Medieval de Corcubión está no aire. A Asociación Organizadora do Mercado Medieval da Costa da Morte comunicou esta mañán a súa intención de non levar a cabo a celebración debería comenzar en pouco máis de 40 días. Segundo o escrito enviado á prensa, o "desgaste persoal e o cansazo acumulado" son os motivos da súa decisión.
Na nota de prensa feita pública esta mañán, o colectivo xustifica o momento escollido para cesar nas súas funcións debido "ao novo ciclo político que se abre en Corcubión", considerando que é o momento axeitado para que outras persoas tomen o relevo. Explican que o Desembarco, evento co que arranca o mercado, está garantido xa que a súa realización corre a cargo do Concello de Corcubión "e este ano conseguiu unha importante subvención da Deputación" para levalo a cabo. Algunhas fontes sinalan que esa subvención está solicitada pero en absoluto concedida, o que deixa no aire a festa.
O novo goberno municipal de Corcubión tomará posesión, no mellor dos casos, 34 días antes do teórico comenzo do Mercado. Tamén existe a opción de que sexa máis tarde, no propio mes de xullo, xa que a lea que manteñen PP e PACor pola disputa da acta dun concelleiro, podería aprazar a sesión de investidura prevista para o 17 de xuño.
Na vila xa existía o rumor sobre o abandono da organización do Mercado. Noutras ocasións xa expresaran o seu desexo de cesar por cansanzo pero o momento escollido, sen apenas marxe de manobra para aqueles que se decidan a dar o relevo, causou asombro entre os veciños.




