A orixe das galerías da Marina da Coruña e a súa relación co efecto invernadoiro
En Coruña Científica, Bibiana García, cóntanos a historia das Galerías da Marina

Coruña Científica, con Bibiana García (12/04/2022)
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
A Coruña
Se hai unha estampa que caracteriza A Coruña son as galerías da Mariña que fan que a cidade se coñeza como Balcón Atlántico ou Ciudad de Cristal, así que hoxe imos tratar de descubrir a ciencia que hai nelas.
Primeiro, algo de historia para situarnos. As galerías da Marina construíronse avanzado o século XIX, entre 1869 e 1884, como unha intervención urbanística que buscaba aliñar edificios que estaban na antiga rúa Luchana, hoxe en día Rega de Auga, non a actual Luchana. En só quince anos A Coruña cambiou notablemente a súa fachada ao mar pola que hoxe é famosa. Os edificios que mostran galerías teñen en realidade a súa fachada principal polo outro lado, ben por María Pita, por Rego de Auga, por Tabernas… así que as Galerías son a súa fachada traseira. Na maioría dos casos, o espazo que conseguido no interior das vivendas é unha prolongación do salón ou serve de corredor para acceder a distintas estancias ou é un bo lugar para colocar plantas.
Como xorde a idea de acristalar así esa fachada?
Debido a que A Coruña ten un clima suave, sen fríos e calores excesivos, cunha oscilación térmica pequena de ao redor de 8 °C e unha temperatura media anual de preto de 15 °C, comezaron a colocarse balcóns nas fachadas. Eses balcóns despois pecháronse e por último xurdiu a idea de balcóns corridos pechados, que é o que son as galerías, co fin de aproveitar mellor o sol, especialmente do inverno, xa que as Galerías da Marina están orientadas ao sur. Unha experiencia que os arquitectos xa comprobaran antes, na segunda metade do século XVIII, nas popas dos galeóns, revestidos de cristais provenientes de La Granja de San Ildefonso.
Así que as galerías son como pequenos invernadoiros?
E non tan pequenos, pero si. Como dicimos as Galerías son o resultado de acristalar un balcón corrido, así que o espazo que se consegue presenta dous ou tres ocos no muro do edificio, xerándose un espazo a camiño entre o interior e o exterior, cunha parte máis sólida, que é a pedra do muro, e unha máis lixeira, que é a zona acristalada. Así, a galería funciona como un gran colector solar que capta enerxía e almacénaa no muro ao que está encostado; que sobre todo de noite cede parte da calor ás estancias interiores. As Galerías trasladaron á edificación o chamado «efecto invernadoiro» e son un bo exemplo arquitectónico de eficiencia enerxética, xa que no inverno permiten manter as casas caldeadas, evitando que entre o frío sen necesidade doutra forma de calefacción.
E como funciona o efecto invernadoiro?
O efecto invernadoiro a escala planetaria funciona porque a atmosfera da Terra permite o paso da luz que nos chega do sol, pero unha vez que rebota coa superficie do planeta non deixa que esa enerxía salga cara ao exterior, o que aumenta a temperatura media da Terra ata os 15 °C. Sen atmosfera, a temperatura media do noso planeta sería de -18 °C, e a vida tal e como a coñecemos non sería posible. O que fai que esa enerxía non salga ao exterior son determinados gases —como o vapor de auga, o dióxido de carbono ou o metano—, e o problema está cando eses gases aumentan demasiado e acábase retendo máis calor do necesario. No caso dun invernadoiro ou das Galerías da Mariña, o que fai de atmosfera serían os plásticos traslúcidos ou os vidros que os cobren.
As galerías foron unhas precursoras das tan de moda casas pasivas de agora?
Pode dicirse que si, que son unhas primitivas casas pasivas, que o que buscan non é máis que reducir a demanda enerxética dun edificio mediante o seu deseño e criterios de construción. Hoxe día iso perfeccionouse bastante, e este tipo de casas poden chegar a reducir ata un 90 % o consumo de enerxía respecto a unha casa normal.
Hai algunha innovación máis nas Galerías da Marina?
Bo, non se se é unha innovación pero si que popularizaron o uso das xanelas de guillotina, xa que usar as tradicionais xanelas con apertura cara a dentro ou cara a fóra era un problema: ou minguaban o espazo interior da galería, que non é demasiado grande, ou eran un perigo se caían cara á rúa debido ao mal tempo. Así que se usaron xanelas de guillotina feitas de madeira e vidro.
A conservación da madeira tamén ten ciencia?
Si, porque aínda que a madeira escolleuse polas súas boas propiedades físicas e mecánicas, é un material que necesita un importante mantemento cada poucos anos, cando hai que decapar a madeira das galerías, lixala, substituír as pezas deterioradas, selala e lacarla para que permaneza en bo estado. Hai un paso no que se lles ten que dar unha imprimación rica en aceite de linaza, que é cando ven de cor alaranxada forte, para as persoas que se fixaron cando as están arranxando. Polo que lin, na actualidade se hai que substituír partes utilízase madeira de iroko, Milicia excelsa, que é unha árbore tropical de madeira moi dura e resistente, que aínda que estea en exterior moito tempo non se deteriora.
Está claro que a próxima vez que camiñemos pola Marina imos mirar con outros ollos, máis científicos.




