Política

Iago Toba, alcalde de Muxía

O PP votou á súa candidata deixando a porta aberta ao goberno socialista

Iago Toba celebrou moi emocionado a súa elección

Muxía

Iago Toba foi investido alcalde de Muxía cumprindo o guión previsto antes da sesión plenaria celebrada esta mañán nun salón de plenos ateigado de xente. O candidato socialista fixo valer a súa condición de lista máis votada e cos 5 edís colleitados o 28M converteuse en alcalde. Os Independentes de Javier Sar sumaron os seus dous concelleiros ao obtido polo BNG e con 3 apoios quedaron á espera do que fixese un Partido Popular que seguiu o guión marcado previamente votándose a sí mesmos.

A candidata popular, Sandra Vilela, xa avisara que calquera alternativa a Iago Toba tería que contar co PP no goberno, algo ao que se negaba o BNG. Vilela consideraba que como forza da oposición con maior apoio non podía quedar fóra do pacto entre IxM e BNG.

Logo da votación, momento para as emocións con aplausos e bágoas entre os simpatizantes socialistas. NA súa primeira intervención da lexislatura Iago Toba comprometeuse a gobernar para todos, independentemente da opción que escollesen o 28M. BAsou o seu novo mandato en tres liñas de actuación: traballo, humildade e honradez. Todo iso tentando dominar unhas bagoas que non deixaron de brotar no alcalde muxián.