A oposición de Camariñas critica a subida de soldos
O goberno fala de "eficiencia laboral e aforro económico" mentres PP e BNG votaron en contra do incremento de salarios
Este é o organigrama do novo goberno camariñán
Camariñas
O pleno de organización celebrado esta mañá amosou as diferenzas existentes entre goberno e oposición en Camariñas. O equipo encabezado por Sandra Insua non tivo problemas para sacar adiante todos os puntos da orde do día, entre eles o reparto de funcións e as adicacións exclusivas dos edís. A maioría absoluta conseguida polos socialistas garantía a aprobación destas cuestións pero non evitou o rexeitamento da oposición ao incremento nas retribucións dos edís do grupo de goberno.
O goberno socialista, que levou a pleno o establecemento de tres adicacións exclusivas e unha parcial, xustificou a medida na procura de "aglutinar as áreas de goberno en cinco para potenciar a eficiencia laboral e o aforro económico". Na nova lexislatura as adicacións exclusivas corresponderán á alcaldesa Sandra Insua e os edís Sergio Caamaño, Encarna Liñeiro, Fabián Canosa e Begoña Tajes, está última cunha adicación parcial. Sergio Caamaño xestionará as áreas de Urbanismo, Medio Ambiente e Emprego ademais de ser o primeiro tenente de alcalde. Encarna Liñeiro dirixirá o departamento Cultura, Encaixe, Turismo, Limpeza e Ornato. Fabián Canosa continuará á fronte de Educación e Deporte, mentres que Begoña Tajes será a concelleira de Servizos Sociais, Igualdade e Comercio.
O Partido Popular xustificou o voto negativo ao considerar que os 96.000 euros anuais que percibirán catro concelleiros "non se traducen en resultados, nin xestionan, nin coidan o que temos e por riba estamos empeñados". Paula Mouzo, voceira popular, considera unha contradición "subir taxas, abrigar aos veciños a paretarse o cinturón mentres eles cobran soldos tan xenerosos". En opinión dos populares xa non son só as retribucións dos edís senón tamén o incremento das dietas por asistencia a plenos, que pasa de 80 a 120 euros por concelleiro.
No mesmo sentido expresouse o BNG considerando as adicacións exclusivas como "excesivas e innecesarias". Xurxo Rodríguez Baña, voceiro nacionalista, amosou a súa sorpresa xa que "hai uns meses reduciron os salarios e as asigancións para apretar o cinto esolicitar o crédito do Estado e agora tras as eleccións suben os soldos". Ao igual que o PP criticou o incremento das taxas para as actividades dos cativos en verán e anunciou unha moción no pleno do mes de xullo para pedir a súa baixada e a devolución.
Na sesión de hoxe quedou fixada a periodicidade dos plenos, que serán bimensuais os últimos venres de cada mes impar.