O Fisterra Blues Experience xa está na conta atrás
Foi presentado esta mañán no Museo da Pesca e encherá de actividades a vila durante a fin de semana
O museo da pesca acolleu a presentación da sétima edición do Fisterra Blues Experience
Fisterra
Esta mañán foi presentado o Fisterra Blues Experience, un festival que pretende ir máis aló da música e superar a etiqueta de "blues" para dar cabida a todo tipo de propostas musicais. Así o recoñecía Vitor Belho, promotor e director de Nordesía Produccións que definía o festival como un punto de encontro de "diferentes culturas e diferentes estilos coma rock, blues ou soul. Durante esta fin de semana a poesía, música e a arte en xeral tomará as rúas fisterrás no que será sétima edición.
O Fisterra Blues Experience medra nesta edición e levará diversas actividades ao todo espazo que ocupa o Camiño de Santiago ao seu paso pola vila. Ou dito doutro xeito, dende a Praia de Langosteira ata o propio Faro.
Gonzalo Trenor, delegado da Xunta de Galicia na Coruña, puxo en valor a aportación dos festivais para as boas cifras de visitantes que presenta a bisbarra nos últimos anos. "Este camiño é dos que presenta mellores cifras, xa se están superando os rexistros no ano pasado a estas alturas. Ademáis afonda na intención de dar a posibilidade de desfrutar do mellor da cultura lonxe das grandes cidades" afirmou Trenor.
Áurea Domínguez, alcaldesa de Fisterra, convidou a todo o público a que se achegue a Fisterra para coñecer a vila e gozar das músicas que se poderán desfrutar durante esta fin de semana. Agradeceu a Kuka Sar a iniciativa de apostar por este festival e a vontade de facilitar a "transición" entre a anterior equipa de goberno e a actual.