Volta o FIOT co mellor teatro
Encherá Carballo de espectáculos entre o 28 de setembro e o 31 de outubro

Cartel desta edición do FIOT

Carballo
Esta mañá foi presentado o FIOT, o Festival Outono de teatro de Carballo, na que será a 32ª edición. Durante todo o mes de outubro poderase desfrutar do mellor teatro en salas e rúas, contando coa presenza de destacados actores como Javier Gutiérrez ou Luis Bermejo. Á capital de Bergantiños chegarán espectáculos como "El Traje" de Juan Cavestany ou "Forever", a nova creación de Kulunka Teatro, destacada compañía de tetatro contemporáneo.
O director do FIOT, Alberto Sueiro, puxo en valor a celebración dunha nova edición, unha mostra con ADN propio. Reiterou a súa vontade de crecemento e mellora do festival coidando os diversos públicos que se achegan a Carballo todos os outonos.
O cartel desta edición leva a sinatura de Lautra Tova, unha ilustradora carballesa que conseguiu xuntar ao FIOT cun espíritu inherente ás artes: a loita contra a intransixencia. Para o director do certame, Alberto Sueiro, o cartel ten un valor engadido, constituíndose como unha peza artística en sí mesma. "A vontade do festival é poñer en valor as diferentes manifestacións artísticas, entre elas a ilustración, que ten un peso moi importante en Carballo. O desexo nesta edición é poñer en valor palabras como transixencia, xenerosidade, respecto, fecto, coidados ou empatía.
A nova concelleira de Cultura, Maruxa Suárez, como antiga voluntaria do festival, describiu ao FIOT como "un proxecto pioneiro e clave da cultura en Carballo. para min é unha honra traballar agora dende o outro lado para a boa consecución e a continua expansión do FIOT". O alcalde, Evencio Ferrero, pechou o acto lembrando que o FIOT cumpre 32 anos tras ser recoñecido pola Fundación Contemporanea como a iniciativa cultural máis destacada de Galicia en 2022"




