Corcubión comenza unha carreira contra o reloxo
Hoxe reúnense un grupo de veciños para impulsar a festa. A primeira novidade: cambio de datas

Corcubión acollerá a celebración do Mercado Medieval na última semana de xullo

Corcubión
A incertidume comenza a disiparse en Corcubión. Todo fai pensar que haberá Mercado Medieval. Un grupo de veciños decidiron sair ao rescate da popular festa e embarcarse na aventura de organizar un evento desta magnitude en tempo récord. Hoxe ás oito da tarde, na Capela do Pilar, van celebrar unha reunión de portas abertas para que toda persoa que desexe aportar o seu traballo poida embarcarse neste reto.
O grupo que tomou a iniciativa para facer esta convocatoria pública nace co obxectivo de ser unha ponte entre a anterior asociación organizadora e a que se encargue de facelo en 2024.. É dicir, saen ao rescate para evitar que o Mercado Medieval, que está próximo a ser declarado Festa de Interese Turística, quede sen celebrarse neste 2023 e trunque a posibilidade desa declaración. Pero o seu traballo rematará ao día seguinte de finalizar o Mercado, co que a partir de aí haberá un ano para formar unha asociación que colla o relevo na organización do evento.
A principal novidade da edición de 2023 será o cambio de datas. A cita electoral do 23X imposibilita a celebración do Mercado Medieval. O colexio electoral debe ter libre acceso de vehículos para garantir que as persoas de mobilidade reducida poidan exercer o seu dereito ao voto. O Mercado Medieval ocupa a totalidade da praza de Castelao e deixa á casa consistorial illada e con imposibilidade de acceder en coche. A posibilidade de cambiar a ubicación das mesas electorais está descartada a pouco máis de dúas semanas das eleccións. Por iso o máis probable é que o Mercado Medieval teña lugar o 28, 29 e 30 de xullo, unha semana máis tarde. Sete días máis de marxe para organizar un evento que, visto o calendario, non van sobrar.




