Unha fervenza sen auga?
As imaxes da fervenza do Ézaro espertan a preocupación entre a veciñanza

A imaxe de antonte era ben diferente á habitual na fervenza. / Xurxo Lobato (GettyImages)

Dumbría
As fotos tomadas onte por un veciño da bisbarra desataron as alarmas. Está seca a fervenza do Ézaro? As imaxes deixan ver un exiguo regueiro escorregando polas rochas e, nas últimas semanas sería a segunda ocasión onde a caída da auga é prácticamente imperceptible.
O alcalde de Dumbría, Raúl González, en declaracións a Radio Nordés tranquilizaba a todos os que se alarmaran coas imaxes."Temos unha cámara fixa alí e soe ser o primeiro que fago (vela) . Agora mesmo ten un caudal normal". A empresa propietaria das instalacións, Xeal, declinou facer declaracións a Radio Nordés. O alcalde de Dumbría tampouco tivo ocasión de consultar con Xeal os motivos da "seca". "Non fun capaz de falar inda con eles, pero se baixou o caudal terán que explicar que sucedeu" manifestou Raúl González.
Non é a primeira vez que sucede algo similar en O Ézaro. "Hai tres días xa houbo unha denuncia similar e dende Xeal din que o caudal ecolóxico estábase a respetar. Pero terá que ser Augas de Galicia quen controle a situación" matiza o rexedor. O organismo autonómico é quen debe controlar que se respete o "caudal ecolóxico", a cantidade de auga mínima que debe fluir para garantir o hábitat no río. A falta de auga non semella estar detrás do sucedido xa que os encoros de Fervenza e Santa Uxía presentan mellores datos que hai un ano. Tampouco a xeración de enerxía eléctrica cuxo prezo está agora mesmo en mínimos.
O atractivo turísitico de O Ëzaro é indudable nunha bisbarra onde a visita á súa fervenza é unha parada obrigada para os visitantes. O Concello de Dumbría organiza espectáculos de luz e son nas fins de semana das noites do verán, precisando dun caudal de auga ben diferente á de antonte para poder celebralos.




