Dous vehículos calcinados nun incendio en Baio
O edificio tivo que ser evacuado. No garaxe había máis de vinte coches.

A intervención dos bombeiros evitou danos maiores

Zas
Dous vehículos resultaron calcinados e outros dous danados debido a un lume rexistrado no garaxe dun edificio da rúa Bispo Romero de Lema en Baio, Zas. Os bombeiros dos parques de Santa Comba e Cee desprazáronse ata o lugar dos feitos logo de recibir un aviso do 112 ás 5:20 da madrugada. Un veciño que baixaba para recoller o seu coche para ir a traballar foi o que dou a voz de alarma ao comprobar como saía fume do garaxe.
No aparcadoiro había estacionados máis de dez coches e unha moto. Os traballos dos bombeiros evitaron danos maiores e provocaron a evacuación do edificio durante o operativo de extinción. Dous vehículos resultaron queimados e outros dous sufriron danos debido á calor provocada polas lapas e á caída de cascallos.
O alcalde de Zas, Lolo Muíño, explicaba nos micrófonos de Radio Nordés que o lume se puido orixinar nun dos vehículos queimados, afectando aos que estaban ao seu carón. "Podía haber uns 15 vehículos e o lume puido terse propagado a todo o edificio" confesaba o rexedor.




